21:00 h. viernes, 19 de abril de 2024

ENTREVISTA

Ricardo Otero: “Non descartamos volver á folga se a dirección de Denso incumpre o acordado”

C.L.  |  12 de septiembre de 2014 (15:15 h.)
Ricardo Otero, Denso [Imaxe: Avantar]

Entrevistamos ao Presidente do Comité de Empresa de Denso para valorar o resultado da folga que realizaron durante case unha semana e que se saldou cunha vitoria sindical.

 

Unha vitoria sen paliativos da clase traballadora. Así valora Ricardo Otero (CIG), presidente do Comité de empresa de Denso, auxiliar da automoción viguesa, as recentes conquistas laborais acadadas tras case unha semana de folga. Un triunfo sindical que contrasta coa precariedade que vive un sector que é hoxe o maior motor económico e industrial da cidade.

Fala de vitoria, pero con matices. Porque?

A sensación xeral do cadro de persoal é positiva, pero sabemos que isto aínda non rematou. Unha vitoria se a desatendes e non vixías o seu cumprimento, nun ano pode converterse nunha derrota. Estamos alerta ante o que faga a dirección de Denso na fase de redacción do novo convenio. Logo de catro anos sabemos como as gastan e tememos que ‘donde dije Diego…’

Como as gastan?

"Poríannos pañais para traballar se puidesen e así evitar que tivésemos nin que ir ao baño"

Denso é unha empresa incumpridora por natureza en materia de dereitos laborais. Para eles cumprir a lexislación é perder cartos. Buscan que teñas que denunciar e até que consigas demostralo, moitos bótanse atrás. Poríannos pañais para traballar se puidesen e así evitar que tivésemos nin que ir ao baño. A actitude da dirección sempre foi chulesca, de prepotencia. E teñen un asesor, o avogado laboralista Alfredo Briales, que é un experto en complicar a vida aos traballadores e traballadoras. Un auténtico facha que desfruta no seu papel de malo. O conflito é consecuencia directa destas actitudes.

Por exemplo?

Para conseguir unha simple fonte de auga tivemos que montar un cristo monumental. Tres anos reclamando algo tan sinxelo, que o final conseguimos, pero que é un indicativo de que polo traballador non senten ningunha empatía. Logo desta última loita cruzámonos cos mandos no centro de traballo e evitan saudarnos e mesmo tentan vixiar aos membros do comité de empresa. 

Que melloras lograron?

É o segundo convenio colectivo que gañamos coa loita. A principal demanda era evitar que o cadro de persoal seguise minguando. A empresa ten máis beneficios, cada vez máis carga de traballo, pero menos traballadores e traballadoras. Explícase polas externalizacións e polas contratacións vía ETT. Tiñamos dous planteis paralelos. A intención era que as persoas que chegaban a través de Adecco se integraran co resto para os sacar da precariedade. A empresa busca dividir, facer clases dentro da clase traballadora e non podemos perder forza como plantel. A única arma que nos queda é a unión e a mobilización. As institucións que deberían velar por nós, tanto a Inspección de Traballo coma os xulgados, miran para outro lado.

Que influencia ten PSA-Citroën, da que dependen en grande medida empresas como Denso?

"A empresa busca dividir, facer clases dentro da clase traballadora e non podemos perder forza como plantel"

Ten un problema con nós. Non é habitual un comité de empresa que chegue até o final e non se baixe so pantalóns. No seu centro están a impoñer condicións cada día máis regresivas, a lei do medo coma quedou claro no caso dos compañeiros Paco e David. Todo coa complicidade de UGT, CCOO e o Sindicato Amarelo. PSA tenta estender o seu modelo no sector e nas auxiliares: amedrentar e precarizar para abaratar custos de produción, cos nosos salarios, e mellorar así os seus beneficios.

Cales son os seguintes pasos?

Agora temos que sentarnos coas dúas inspectoras de Traballo que mediaron no acordo. Remitímoslle a nosa redacción do convenio colectivo e a dirección tamén, e aí imos ter lea outra vez. No básico estamos de acordo pero hai que ver os detalles. Non descartamos volver á folga se a dirección de Denso incumpre o acordado.