11:16 h. jueves, 28 de marzo de 2024

#AbelFascistaOuSocialista: As redes sociais ferven contra o mantemento da Cruz do Castro

Redacción | @VigoDixital  |  09 de septiembre de 2014 (22:02 h.)

A decisión de recorrer a sentenza que obriga a derrubar o monumento fascista suscita unha polémica que vai alén da cidade. A intervención televisiva nunha canle estatal de Abel Caballero defendendo o mantemento da "cruz" recebe numerosas críticas.

O anuncio do Alcalde de que o Concello de Vigo presentará recurso contra a sentenza, emitida polo xulgado número 2 da cidade, que lle obrigaba a derrubar a cruz fascista do Castro, desatou unha polémica que trascendeu, e moito, o ámbito municipal.

Así o visa a criticada intervención televisiva de Abel Caballero no programa Más Vale Tarde de La Sexta, nunha emisión estatal, na que o primeiro edil fuxiu en todo momento de respostar a pregunta de se o monumento era ou non un símbolo franquista. "É unha cruz, unha cruz" repetía sen cesar, mentra reiteraba unha e outra vez, presa dun patente nerviosismo, o seu compromiso coa memoria histórica exemplificando na retirada de símbolos fascistas nalgúns edificios, na homenaxe que se realizan o 27 de agosto aos alcaldes fusilados polo golpe militar do 36 e no feito de que o Concello teña dedicado varias rúas a vítimas da Guerra Civil e da posterior ditadura nacional-católica. 

Semella que a opinión pública vé, ao igual que sinala a sentenza, moito máis que unha cruz. As redes sociais ferveron en reaccións a posición adoptada polo alcalde socialista. A inmensa maioría das opinións amosábanse moi críticas co recurso. A crítica chegou até o extremo de facer circular un hashtag (etiqueta) en Twitter que rezaba: #AbelSocialistaOuFascista. En troca, escasísimas mensaxes de apoio, sen contarmos a celebración do recurso por parte dos sectores de ultradereita que logo de se coñecer o fallo xudicial iniciaran decontado unha recollida de sinaturas pedindo precisamente que o Alcalde recorrese a decisión. 

Esta é unha escolma das moitas mensaxes publicadas na rede social twitter ao respecto. Unha mostra que ilustra o malestar social, en Vigo e extramuros da cidade, suscitado pola teimosa defensa por parte do Goberno municipal dun monumento erguido para exaltar o fascismo.

 

E ti que opinas? Exprésate comentando esta información.