09:48 h. sábado, 20 de abril de 2024

EXCLUSIÓN

O albergue negou o acceso a varias persoas durante a vaga de frío malia ter camas baleiras

Redacción | @VigoDixital  |  03 de marzo de 2015 (21:08 h.)
Sen teito durmen nos soportais da sede do PP (Foto: Rubens Rocha)

A versión das persoas usuarias confronta coas declaracións do alcalde, que aseguraba que as persoas que durmían na rúa era porque non querían ir ao albergue.

A vaga de frío que viviu Vigo en xaneiro e febreiro volveu a pór o debate sobre as persoas sen teito enriba da mesa. O alcalde Abel Caballero aseguraba eses días que ninguén durmía na rúa na cidade e quen o facía era porque non quería utilizar o albergue. Mais cinco usuarios, que non descartan máis casos, confirman a este xornal que os responsábeis do local negáronlle o acceso durante varios días, que coincidiron cos máis duros do inverno.

A razón esgrimida, aseguran, foi que agotaran o prazo de dez días de estancia e, polo tanto, debían esperar outros dez días para ter dereito a cama. Un sistema que é obxecto de críticas, dende que se inaugurou a finais de 2011, por parte de persoas usuarias e colectivos sociais. O primeiro día que lle negaron o acceso había 22 camas baleiras, das 40 que ten o local, e malia que durante ese tempada aumentaran, segundo defendía o Concello.

“Pasamos dez días no albergue e logo outros dez nun choupano ou nunha casa abandonada. Por iso moitas persoas decidiron non volver", di un dos afectados.

“Pasamos dez días no albergue e logo outros dez nun choupano ou nunha casa abandonada. E así sobrevivimos. Moitas persoas decidiron buscar un sitio fixo, para non andar ás voltas, e por iso non veñen xa polo albergue.”, conta un dos afectados, que prefire gardar anonimato para non ter problemas co persoal do servizo, que xestiona a empresa 'Grupo 5'.

Caballero saiu ao paso das acusacións afirmando que, precisamente, había camas baleiras durante eses días. Un argumento que os usuarios afectados consideran “unha tomadura de pelo” e que se explica, segundo eles, polo sistema de rotacións e non porque haxa poucas persoas sen teito na cidade. De feito, durante o pasado ano pasaron máis de 700 persoas diferentes polo albergue municipal, sito na rúa Marqués de Valterra, como xa informara VIGO dixital.