CIG, CCOO, Comités Abertos, a PAH e o Sindicato de Estudantes piden ao Concello que execute a sentenza en troca de a recorrer como anunciou Abel Caballero.
-
Editorial: Derrubar a cruz fascista para erguermos a memoria
-
A maioría das forzas políticas reclaman o cumprimento da sentenza que ordena derrubar a cruz fascista do Castro
A Asociación pola Memoria Histórica do 36 ofreceu esta segunda feira (luns) unha rolda de prensa para valorar a sentenza que obriga a derrubar a cruz do Castro. O seu voceiro, Manuel Reinoso, asegurou que non tiveron máis remedio que acoder á xustiza ante o que cualificou de “prepotencia antidemocrática” do Goberno municipal.
Se na fronte política a maioría dos partidos expresaba a súa satisfacción coa sentenza, o mesmo acontece a nivel social. Sindicatos e colectivos sociais mostran un apoio unánime á decisión xudicial en declaracións a VIGO dixital, e amósanse contrarios ao recurso anunciado por Abel Caballero.
Guillermo Presa, avogado da Asociación pola Memoria Histórica do 36:
“A sentenza é contundente. Técnicamente pódese decir que é rigurosa é impecábel na aplicación da lei, polo que vexo dificil que poida ser revogada. O máis intelixente para o Concello sería non recorrela. Para nós é un éxito logo da oposición prolongada do Goberno municipal”
Serafín Otero, secretario comarcal CIG:
“Valoramos positivamente a sentenza porque obriga a cumplir a Lei de Memoria. A cruz do Castro é un símbolo cunha relación directa co fascimo e non se entende como se mantén en pé até hoxe. Entendemos que agora o Goberno municipal non ten máis remedio que cumprila e non debería recorrer a sentenza, máis cando parte dos concelleiros do PSOE asinaron a favor do seu derrube”
Amelia Pérez, secretaria xeral de CCOO:
“É triste que teña que ser mediante sentenza xudicial cando a lei é clara. É certo que se retiraron certos símbolos con connotacións moi marcadas á ditadura, pero a cruz non deixa de representar o mesmo. Creo que o recurso do Concello só dilata no tempo algo que terá que ser. Non é normal que no século no que vivimos e logo de 40 anos de democracia se manteñan símbolos como a cruz do Castro”
Brais Fortes, responsábel nacional dos Comités:
“Lóxico que a sentenza sexa a prol de que se quite a cruz. O ilóxico é que o PSOE non fixera caso ás demandas do pobo. A sentenza é clara e as responsabilidades hai que pedirllas a Abel Caballero por non telo feito antes. Manter esa cruz cargada de ideoloxía de ultradereita é unha ofensa á cidadanía”
Carlota Pérez, voceira da PAH Vigo-Tui:
“É un símbolo que molesta ás familias das víctimas e a moitas persoas da cidade. Creo que debería terse feito antes, como ocorreu con outros símbolos e restos da dictadura franquista. Chegou o momento de pechar esta ferida con normalidade”
Alberto Fernández, Sindicato Estudiantes:
“Mostrámonos completamente satisfeitos de que se retire un símbolo que é un vestixio do franquismo. O curioso é que teña que ser agora un xuiz quen responda a un reclamo popular maioritario e que durante décadas de democracia non se derrubara”
[Imaxe: Aboia.info]