Imprimir

A Asemblea Veciñal de Coia acusa ao Concello de criminalizar a protesta pacífica

Redacción | @VigoDixital | 11 de enero de 2015

Rolda de prensa da Asemblea Veciñal de Coia (Foto: Roberto Solano)

Negan as acusacións contra os tres veciños detidos e insisten en que a protesta é pacífica. O goberno municipal vén de denunciar a 25 das 40 persoas identificadas durante o mes de loita veciñal. [Vídeo no interior]

Indignación e rabia déronse cita este sábado en Coia, despois da terceira detención pola loita veciñal na rotonda. A Asemblea Veciñal convocou unha rolda de prensa para responder as últimas actuacións policiais, que mantén un forte dispositivo dentro na redonda, e ás continuas declaracións do alcalde, que acusa á veciñanza de violenta.

Máis dun centenar de persoas xuntáronse na Parroquia do Cristo da Victoria, onde naceu a protesta, para denunciar a intensificación do conflito. “Pensamos que a Policía Local ten ordes expresar do Concello para criminalizar o protesto”, asegurou Esther Lora, veciña e avogada dos dous detidos esta semana. 

 “Abel Caballero está xerando unha situación de violencia que antes non existía”, apuntou o veciño e párroco Juan.

A veciñanza insistiu en que a súa é unha loita pacífica. “Abel Caballero está xerando unha situación de violencia que antes non existía”, apuntou o veciño e párroco Juan. Na mesma liña se expresou D.L, arrestado onte por sorpresa. “Vigo é unha cidade fermosa que uns cantos violentos están afeando na rotonda. Pero falo deles, dos policías locais”. 

Está acusado, igual que os outros arrestados, de atentado contra a autoridade e lesións, penado de 2 a 5 anos de prisión. Supostas agresións que a Asemblea Veciñal nega con contundencia e acusa aos policías de mentir nas súas denuncias. “Manteñen unha imputación sabendo que non existe tal agresión, insisten malia que hai probas”, matizou Lora. 

De feito, horas despois da rolda, o goberno municipal comunicou que 25 das 40 persoas identificadas, durante o mes de loita veciñal, foron denunciadas perante a Fiscalía e a Subdelegación do Goberno por atentado e lesións. A decisión foi comunicada polo concelleiro de Seguridade, Carlos López Font,  segundo recolle o diario Atlántico.

"Aquí estamos persoas de distintos colectivos e ideoloxías, pero por riba de todo somos veciños e veciñas”, dixo Beatriz Lorenzo.

Tamén negaron que exista algún tipo de control político, como afirma o alcalde. “Aquí estamos persoas de distintos colectivos e ideoloxías, pero por riba de todo somos veciños e veciñas”, dixo unha delas, Beatriz Lorenzo, que recordou o motivo de fondo da loita: o precario funcionamento dos servizos sociais e a falta de políticas para paliar a grave situación de emprobrecemento que viven milleiros de vigueses e viguesas.

[Vídeo de Roberto Solano]

Volven á rotonda, tomada pola Policía

Logo dunha asemblea posterior, a veciñanza decidiu saír de novo á rúa. Rodearon a rotonda de Castelao, tomada de novo por uns 40 policías locais, para mostrar a súa determinación a seguir adiante coa loita. 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección http://vigodixital.opennemas.com/articulo/barrios/asemblea-vecinal-coia-acusa-ao-concello-criminalizar-protesta-pacifica/20150111003647000809.html

Vigo Dixital
© 2019 Vigo Dixital

VIGO dixital | Información local ao servizo da veciñanza
>Na Rede desde o 1 de setembro de 2014


     
Desarrollado por Openhost con:      
OpenNeMaS CMS OpenHost S.L. Opennemas CMS