04:46 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Caballero négase a comparecer no xulgado

Redacción | @VigoDixital  |  08 de octubre de 2014 (15:46 h.)
Abel Caballero [Imaxe: Laxeiro.org]

O Alcalde non asistiu ao acto de conciliación previo á interposición dunha demanda contra el por parte da Asociación Veciñal de Teis. Tampouco enviou representante legal.

Malia estar citado desde hai un mes polo xulgado de primeira instancia número 10, como adiantou en exclusiva VIGO dixital,  para un acto de conciliación a petición da Asociación Veciñal de Teis o Alcalde finalmente non compareceu. Abel Caballero tampouco enviou ningún representante legal, a pesar de que citación recollía expresamente a obrigatoriedade asistir. A súa ausencia provoca que a conciliación remate sen efecto e obriga ao rexedor a asumir as costas económicas do proceso. 

Pola súa ausencia será o rexedor quen asuma as costas económicas do proceso

O acto de conciliación convocado para as 10h da mañá de hoxe era o primeiro paso da Asociación Veciñal de Teis. O colectivo anunciou o pasado mes de xullo a súa intención de promover unha demanda xudicial contra Caballero. 

Á saída dos xulgados a Xunta Directiva facía pública a súa decisión de proseguir co proceso, que en pouco tempo se concretizará nunha querela por inxurias e calumnias contra o primeiro edil. Unha causa xudicial que podería rematar en penas de prisión e importantes sancións económicas para o líder dos socialistas vigueses, no caso de resultar condenado.

A AV de Teis xa anunciou a súa intención firme de demandar ao Alcalde

A entidade veciñal emprendeu a vía xudicial logo de que Caballero realizase o pasado mes de xullo unhas polémicas declaracións nunha televisión local, onde xustificaba que o Concello non renovara o convenio coa Asociación Veciñal de Teis para a xestión do Centro Cívico, por valor de 55.000€, porque os directivos “queren os cartos para asuntos particulares”.

Ante estas graves acusacións a a directiva da Asociación Veciñal insistiu que todos os gastos derivados da xestión do Centro Cívico de Teis foron “debidamente xustificados, en tempo e forma, céntimo a céntimo” declarou Anxo Igrexas, secretario do colectivo veciñal.

Igrexas asegurou tamén que “a Asociación Veciñal  non ten ningún directivo imputado, e en máis de 38 anos de existencia da asociación, nunca foi a Policía Xudicial a rexistrar a nosa sede, como si aconteceu no Concello coa Operación Patos, da cal Abel Caballero se nega a dar ningunha explicación”.