04:46 h. viernes, 29 de marzo de 2024

EXCLUSIÓN SOCIAL

As centos de persoas sen teito que nega o alcalde de Vigo

Redacción | @VigoDixital  |  20 de enero de 2015 (21:51 h.)
Unha persoa durme nun caixeiro

Máis de 700 persoas diferentes pasaron polo albergue municipal durante o pasado ano, que conta con 40 camas diarias, malia que Caballero asegura que ninguén durme nas rúas da cidade. 

O alcalde de Vigo insiste en negar a evidencia. Abel Caballero asegurou este luns que ningunha persoa vive nas rúas da cidade. Unha afirmación que o rexedor repetiu en numerosas ocasións durante os últimos meses. Mais as cifras dos propios servizos municipais e das organizacións sociais desminten ao alcalde.

Os colectivos que traballan na atención dos colectivos en exclusión, algúns baixo concesión municipal, cifran entre 200 e 300 as persoas sen fogar que viven de forma permanente en Vigo. Un dato que o propio Valedor do Pobo, tamén dependente do Concello, xa apuntaba nun informe de 2011, meses antes da apertura do reclamado albergue municipal.

A ocupación do albergue demostra que esta poboación é maior, en especial durante as estacións máis duras. Durante o último ano, máis de 700 persoas diferentes pasaron polo centro municipal, segundo os responsábeis de Grupo 5, concesionaria do servizo. O propio Concello asegura que unha media de 120 persoas mensuais pasaron o último inverno polo albergue, cifra que en 2013 era superior a 300.

Prazas limitadas por un tempo limitado

Óscar é un dos que non volveu polo albergue. “Prefiro ter un sitio fixo, inda que se encontre neste estado”, explica, sinalando as condicións inhumanas do seu choupano. Por seguridade, di, prefire non revelar a ubicación. “No albergue estás uns días e tes que irte. Hai que pelexarse e estar cedo para conseguir sitio. E se te retrasas da hora xa non te deixan entrar, inda que teñan camas baleiras”.

O número de prazas no albergue municipal é limitado: 40 camas cada día e cinco en situacións de emerxencia. A outra alternativa en Vigo é o centro dos Misioneros de Teis, con espazo para outras 40 persoas e tampouco de estancia permanente. Nos meses de frío, rexistran cheos totais, que deixan a decenas na rúa. 

Ante esta situación, alomenos un centenar de persoas como Óscar prefiren malvivir en infravivendas, habitualmente edificios abandonados e nun estado ruinoso, malia o perigo. Entre os anos 2000 e 2012, morreron 37 persoas sen fogar en Vigo, segundo denunciou Amnistía Internacional. Só en 2014, o colectivo Imán denunciou a morte de cinco persoas no antigo asilo do Barrio do Cura, que sirve de acubillo a decenas de veciños e veciñas. 

Para Chema, que leva media vida na rúa, o problema do albergue, que o alcalde sinala como solución, ten a ver coa falla de privacidade. “Entras alí e estás rodeado de cámaras. Parece máis unha prisión que un albergue”, sinala. Recoñece que o albergue millorou algo a situación, pero que sigue a ser insuficiente. Sobre as afirmacións de Caballero, que lle conta este xornal, bótase a rir. “Non hai más cego que aquel que non quere ver”, contesta.