07:50 h. jueves, 25 de abril de 2024

EMERXENCIA SOCIAL

Acampada permanente na rúa contra as políticas de “malestar social”

Redacción | @VigoDixital  |  28 de septiembre de 2014 (20:37 h.)
Acampada en Montero Ríos [Foto: VigoDixital]

Varias ducias de persoas instaláronse de forma permanente en Montero Ríos, nas inmediacións do edificio administrativo da Xunta, para exixiren unha solución inmediata para as familias e persoas empobrecidas da cidade. Algúns non descartan a folga de fame se non se resolve a súa situación.

Unha acampada permanente até que o Concello e a Xunta den resposta á grave emerxencia social que padecen centos de familias e persoas en Vigo. Unha ducia de vigueses e viguesas decidiron acampar na rúa. Unha “medida desesperada" ante os contínuos atrasos, o exceso de burocracia e a arbitrariedade na tramitación das xaudas por parte dos servizos sociais municipais e autonómicos. 

O campamento instalouse nos xardíns de Montero Ríos, fronte á delegación da Xunta, despois da manifestación da Asamblea de Movementos Sociais. Tiveron que agardar unhas horas polo forte dispositivo policial, que ‘protexía’ aos milleiros de turistas chegados á cidade do centenar de manifestantes que, baixo o lema “Pan, traballo e teito", pedían a axilización das axudas sociais.

Algúns, como é o caso do activista da RSP Miguel Cabaco, non descartan incluso entrar en folga de fame. Cabaco leva catro anos agardando por unha operación, situación que agravou a súa saúde e lle imposibilita traballar. A Risga da que depende a súa familia non chega nin para cubrir o aluguer, logo de que a Xunta lle rebaixara á metade a prestación. 

Piden reunirse con Caballero e Bravo Bosch

A acampada será o escenario da vindeira reunión da Asamblea de Movementos Sociais, prevista para este luns 29.

A acampada será ademais o escenario da vindeira reunión da Asamblea de Movementos Sociais, prevista para este luns 29. A plataforma que agrupa a 13 colectivos socias, sindicatos e partidos políticos vén de intensificar as súas accións ante o que definen como políticas de “malestar social”.

Piden ser recibidos directamente polo alcalde Abel Caballero e a delegada do Goberno autonómico, María José Bravo Bosch. Denuncian que a Risga acumula meses e meses de atrasos, igual que as axudas do Concello. Tamén que o persoal dos servizos sociais é insuficiente para atender a emerxencia social, mentres se destinan millóns de euros a unhas escaleiras mecánicas ou á reforma do estadio de Balaídos, exemplifican.