00:10 h. viernes, 19 de abril de 2024

AS NOVAS ESCOLAS PROXECTADAS SÓ CUBRIRÁN UN TERZO DA LISTA DE AGARDA

As escolas infantís municipais deixan sen praza a dúas crianzas por cada unha que admiten

Redacción | @VigoDixital  |  11 de septiembre de 2014 (15:49 h.)
Escola infantil [Imaxe:escolasvigo.org]

Hai 732 cativos e cativas en lista de agarda fronte as 359 que lograron praza nalgunha das seis escolas infantís de titularidade municipal. 

359 cativos e cativas de entre 0 e 3 anos encetan o curso escolar con praza nalgunha das seis escolas infantís municipais coas que conta a cidade. Porén, o número de crianzas que fica en lista de agarda duplica ao das admitidas, elevándose até 732. Así se recolle nas listaxes definitivas de admisión e agarda, publicadas pola Concellaría de Educación. 

Vigo conta arestora con seis escolas infantís de titularidade municipal. A de Santa Marta no Casco Vello, Atalaia en Teis, Bouzas, Tomás Alonso, a Costeira en Saiáns e a de Santa Cristina no barrio de Lavadores. En proxecto está a apertura de outras dúas, unha en Castrelos (Mestres Goldar) -que aseguran estará en funcionamento de maneira inminente- e outra en Navia.

Porén, a previsión municipal é que estas dúas novas instalación apenas acheguen dúas centas prazas máis ao total ofertado na actualidade, o que supón cubrir só un terzo das necesarias para poñer a cero as saturadas listas de agarda dun servizo que se torna esencial para a conciliación da vida laboral e familiar, nomeadamente das clases populares que non se poden permitir sufragar os custes dos centros privados. Ademais as escolas municipais teñen taxas pola metade de custe medio que as ofertadas pola Xunta.

Catro anos de espera en Navia

O pasado luns o Alcalde anunciaba que a prometida escola infantil municipal de Navia estará “operativa” a partir do mes de xaneiro do próximo ano.  Mais o certo é que o proxecto tense demorado por espazo de case catro anos. 

Colocación da primeira pedra [Imaxe:Vigo.org]O 6 de setembro de 2011 o Concello xa anunciaba a súa intención de abrir a escola no barrio de Navia de cara ao curso escolar 2012-2013. De feito, o 21 de outubro dese ano dábase conta do acordo da Xunta de Goberno Local de sacar a licitación pública o proxecto desta nova e demandada dotación.

En setembro de 2013 o primeiro edil aseguraba que a construción comezaría en “breve”, e o pasado 19 de marzo o propio Abel Caballero colocaba a súa primeira pedra nun acto con enorme publicidade. 

Desde a primeira pedra até a súa apertura, dando por boa a última previsión do propio Concello, terán transcorrido dez meses, en troca dos sete que se asegurou en varias ocasións tardarían en executar a obra. Con todo, a veciñanza de Navia verá aberta a súa escola infantil case catro anos despois de ser anunciado o proxecto.