14:00 h. viernes, 29 de marzo de 2024

SOCIAL

Estudantes denuncian que a dirección do Colexio Hogar pretende impedirlles ir á folga

E.I. // Redacción | @VigoDixital  |  20 de octubre de 2014 (20:16 h.)
Colexio Hogar [Imaxe: AFundacion]

O centro, que recebe subvencións públicas, ameaza con sancionar a quen non acuda ás aulas. A lexislación vixente recoñece o dereito a facer folga a partir de 3º da ESO.

Ante a convocatoria de folga estudantil para os días 21, 22 e 23 de outubro, a dirección do Colexio Hogar parece disposta a non respectar o dereito a secundala e estaría a barallar a posibilidade de sancionar ao alumnado que non acuda a clase. A denuncia provén dos e das propias estudantes.

O centro, do que é titular Afundación (obra social de Abanca), está subvencionado pola Xunta, o que permite rebaixar os custes da súa matrícula de parte do seu alumnado a 15 € mensuais.  

A lexislación recolle expresamente que a idade para exercer o dereito a folga polo estudantado é a partir de 3º da ESO

De se confirmar o denunciado, o Colexio Hogar estaría a conculcar os dereitos do estudantado, recollidos na normativa vixente. Ao se impartir no devandito colexio cursos superiores a 3º da ESO, é de aplicación o artigo 8, parágrafo 2 da Lei 8/1995 no que se sinala que: "Nos termos que estabelezan as Administracións educativas, as decisións colectivas que adopten os alumnos, a partir do terceiro curso da educación secundaria obrigatoria, con respecto á asistencia a clase non terán a consideración de faltas de conduta nin serán obxecto de sanción, cando estas sexan resultado do exercicio do dereito de reunión e sexan comunicadas previamente á dirección do centro."  De feito,  a lexislación recolle expresamente que a idade para exercer o dereito a folga polo estudantado é a partir de 3º da ESO, sendo preciso unicamente autorización do pai, nai ou responsábel legal para os cursos inferiores.

Segundo puido saber VIGO dixital un numeroso grupo de alumnos e alumnas fixeron entrega dun escrito á dirección do centro reclamando o seu dereito a non asistir ás aulas durante a folga. A resposta foi supeditar a decisión de impor ou non faltas a consultas á administración educativa, o que --segundo denuncian-- é unha forma de lles premer para desistiren de participar na folga.