00:10 h. martes, 23 de abril de 2024

SOCIAL

Expulsalos do centro para “humanizalo” e escondelos logo nun autobús

Redacción | @VigoDixital  |  11 de noviembre de 2014 (16:14 h.)
Praza da Princesa (Foto: Xentrificación Vigo)

O Concello culmina a súa estratexia para 'limpar' as prazas de Argüelles e Princesa de persoas sen teito e drogodependentes.

Os colectivos sociais viron confirmadas as súas sospeitas, logo do anuncio do Concello de Vigo para iniciar obras de reforma nas prazas de Argüelles e Princesa. Dous puntos considerados “conflitivos” pola presenza diaria de persoas sen recursos e sen teito, algunhas drogodependentes, que o consistorio trata de expulsar do centro da cidade.

Diferentes políticas tentaron abordar o asunto nos últimos anos, ante as protestas de hostaleiros, comerciantes e veciñanza. Pasou unha década dende que a alcaldesa popular Corina Porro retirou os bancos da Princesa, co fin de evitar que as persoas sen teito pasaran o día neles. 

A presión das organizacións sociais, que cualificaron a decisión de inhumana, obrigaron a dar marcha atrás a Porro. Tampouco tivo éxito a proposta do BNG de declarar a zona libre de botellón, atendendo a demanda da veciñanza da contorna. Mais a presión social non freou ao actual goberno socialista. 

Do local ao autobús

O peche do local de Sereos, na praza de Argüelles, foi o primeiro paso. Unha expulsión que chegou por sorpresa un primeiro de agosto, dun día para outro, sen máis mediación que un correo electrónico. O ‘email’ firmado pola concelleira de Benestar Social, Isaura Abelairas, avisaba ao persoal que debían abandonar o local na rúa Elduayen, onde se realizara o programa os últimos 17 anos.

O Concello esgrimiu numerosas xustificacións e comprometeuse a buscar un novo local. Pero Abelairas terminou derivando o servizo de atención básica a unha furgoneta, que agora se chama programa Sísifo e xestiona a Fundación Érguete, en plena beirarrúa entre as naves industriais de Jacinto Benavente.

 O goberno municipal decidiu que o programa se fará agora nun autobús, que a oposición e colectivos sociais critican por “humillante e estigmatizante”

Durante o último ano, as persoas usuarias tiveron que estar á intemperie para acceder aos servizos de café-calor ou intercambio de xeringas, que baixaron significativamente. Para solucionalo, o goberno municipal decidiu que o programa se mantería igual, pero agora nun autobús, que a oposición e colectivos como o Imán critican por “humillante e estigmatizante” e que cualifican con ironía de “cafetería ambulante”.

O último paso

O anuncio chega nas mesmas datas que o comezo das obras para “humanizar” as prazas de Argüelles e Princesa. Para as organizacións, este é o motivo oculto tras o peche do local: expulsar ás persoas sen recursos do centro da cidade. Unha medida que se extende á praza da Princesa, onde inda se concentran os poucos sen teito que se moven pola zona.

O prego da reforma contempla a necesidade de rehabilitar as prazas polo deterioro sufrido, en alusión ás persoas sen teito

O prego da reforma contempla precisamente a necesidade de rehabilitar as prazas polo deterioro sufrido. Cuestión que para os colectivos sociais trátase dunha nova criminalización das persoas sen recursos e como último paso para culminar a estratexia de expulsión. De feito, a presencia policial aumentou nos últimos días, segundo confirma un dos habituais.