Imprimir

Unha familia en risco de desafiuzamento denuncia que foi estafada por unha inmobliaria

Redacción | @VigoDixital | 20 de Febreiro de 2015

María Victoria no acto da PAH

A PAH concentrouse en apoio de María Victoria, con un marido incapacitado, tres fillos e unha neta de 15 meses. Viven con apenas 700 euros mensuais e deben tres meses de aluguer. Pagaron a fianza dun novo piso, ao que non poden entrar, e que agora non lle devolven.

Os apuros económicos levaron a María Victoria Pérez a tomar unha decisión. A vivenda na que residía co seu marido, incapacitado actualmente, tres fillos e unha neta de 15 meses, quedábase pequena. As humidades extendíase polo teito e as facturas acumulábanse, ante as dificultades para sobrevivir con 700 euros. Deben xa tres meses de aluguer e o risco de desafiuzamento é real.

Por iso decidiron buscar unha nova casa, máis espaciosa e económica. Encontrarona a través da inmobiliaria VGalaica. Pagaron a reserva de 400 euros, ante as presións de que había máis persoas interesadas, malia que a vivenda estaba aínda en reformas. Poucos días despois recibiron un aviso de que o propietario, residente en Nova York, non quería alugar o piso. Cando foron a reclamar os cartos, encontráronse con que a inmobiliaria negábase á devolución. 

O seu caso chegou á Plataforma Anti Despexos (PAH) de Vigo que decidiu concentrarse nas portas da inmobiliaria. Alí falaron coa traballadora que xestiouno o proceso. Esta asegurou que foi a familia quen desistiu do aluguer. Tamén se refiriu á denuncia por secuestro que presentou contra María Victoria, á que acusa de obrigala a acompañala até unha xestoría para que lle devolveran os cartos.

Denunciada por secuestro

Porén, a traballadora negou que existira tal secuestro e dixo que firmou a denuncia sen coñecer o seu contido. Os voceiros da PAH sinalan á xerente da inmobiliaria, que foi quen chamou en dúas ocasións á Policía. Cren que presionou á súa empregada (nai dunha crianza e no seu primeiro traballo) para realizar a acusación.

“Ese piso é un gancho. Unha estafa clásica. Nin sequera podes visitalo nin contactar co propietario. Agora dinlle que pode entrar en maio, pero non ten ninguna seguridade”, di Carlota Pérez, portavoz da plataforma. A xerente de VGalaica díxolles incluso que non devolverían os cartos porque eran "os honorarios" polas xestións.

Mentres, María Victoria asegura desesperada que non saben que facer. Contan coa vontade da arrendora da súa actual vivenda, que entende a situación e deulles marxe, pero que tamén se encontra con dificultades económicas. 

A PAH deulle á inmobiliaria de prazo até o próximo luns para que arranxe a situación. Ou a devolución dos 400 euros, fundamentais para a supervivencia desta familia, ou o compromiso do dono da vivenda de que poderán entrar a vivir nela. Senón insisten en que continuarán denunciando nas portas de VGalaica as prácticas fraudulentas da empresa.

Podes ver este artigo na próxima dirección http://vigodixital.opennemas.com/articulo/social/familia-risco-desafiuzamento-denuncia-foi-estafada-inmobliaria-acusa-secuestro/20150220165200000874.html

Vigo Dixital
© 2017 Vigo Dixital

VIGO dixital | Información local ao servizo da veciñanza
>Na Rede desde o 1 de setembro de 2014


     
Desenvolvido por Openhost con:      
OpenNeMaS CMS OpenHost S.L. Opennemas CMS