18:58 h. jueves, 28 de marzo de 2024

CONFLITO CESPA

O goberno local cede ante os bucinazos para afastar as sospeitas de corrupción

Redacción | @VigoDixital  |  15 de noviembre de 2014 (23:04 h.)
Momento no que se comunica a victoria ao persoal de Cespa

O concelleiro de parques e xardíns, o imputado Ángel Rivas, asegurou o futuro do persoal da concesionaria Cespa, investigada na Operación Patos, mentres apura para lle retirar o servizo.

Cinco días de ruído enxordecedor nas portas do Concello para asegurar o seu futuro laboral. O persoal de Cespa, concesionaria de parques e xardíns en Vigo, desconvocou a folga indefinida logo de que o consistorio cedera ante as súas peticións, que pasaban principalmente por garantir os 110 postos de traballo.

A urxente necesidade de afastar as sospeitas de corrupción sobre o goberno municipal explica -segundo os operarios e operarias- a presa con que o concelleiro do ramo, o imputado Ángel Rivas, tramita os pregos para a nova concesionaria do servizo

Todo apunta a que Cespa, no epicentro da Operación Patos, terá moi complicado gañar o concurso. A empresa, sobre a que tamén existen indicios de ‘enchufes’ de persoas próximas ao goberno local, perdería así o servizo que xestionou, baixo polémica, durante a última década. 

A concesión remata só tres semanas antes das eleccións municipais, polo que Abel Caballero apremia para romper as relacións con Cespa.

Concello-Cespa-Operación Patos

A concesión remata só tres semanas antes das eleccións municipais, polo que Abel Caballero apremia para romper as relacións con Cespa, que podería convertirse nun obstáculo para a súa carreira cara unha nova reelección. A Policía Xudicial incautouse de centos de documentos no despacho de Rivas, que terá que declarar ademais no ‘caso formigón’.

O persoal de Cespa asegurouse a subrogación da totalidade do actual plantel, mantendo tamén os salarios, as claúsulas de antigüidade e o convenio laboral. Unha vitoria dos traballadores e traballadoras, que durante cinco días protestaron con bucinas e asubíos na Praza do Rei, obrigando mesmo a pechar a entrada do consistorio polo ruído. 

O presidente do comité de empresa, Alfredo Filgueiras, da CIG, insistiu en queda demostrado que existían erros no prego de condicións “porque os responsábeis municipais non fixeron os deberes e non lle reclamaron á compañía unha lista de contratación actualizada”.