15:51 h. jueves, 28 de marzo de 2024

CIDADE POR COÑECER

Igrexa de Lavadores

Xosé Couñago | Patrimonio Cultural de Vigo  |  15 de noviembre de 2014 (22:43 h.)

Outro dos maiores exponentes do románico na nosa cidade localízase na parroquia de Lavadores. A Igrexa de Santa Cristina é un dos templos que paga a pena visitar.

Localización

A igrexa está situada na rúa de Santa Cristina, homónima da advocación da propia parroquia. A súa situación é de acceso dificultoso para as persoas que se achegan andando, debido á estreiteza e perigosidade da rúa que pasa por diante do adro, nunha curva perigosa con demasiado tránsito.

Descrición

A orixe do templo hai que buscala nos comezos do século XIII, como edificio románico. Avila y la Cueva fai constar que no exterior da parede norte hai un letreiro gravado coa inscrición “E.M.CC.XXXIX”, o que a sitúa no ano 1201. Esta inscrición xa non existe na actualidade. Desa época quedan aínda uns poucos canzorros que podemos ver ao redor da igrexa por debaixo dos beirados do tellado. A cuestión principal aquí é poder distinguilos e diferencialos dos demais canzorros que decoran todo o beirado da igrexa e que non son medievais, senón copias modernas. Este é un traballo interesante que sería interesante realizar.

Hai varias figuras que gardan gran semellanza con outra figuras que podemos ver na igrexa románica de Bembrive. Mesmo unha das dúas pezas desta igrexa que se custodian no Museo Diacesano de Tui é un tímpanosemellante ao da portada norte de Bembrive.

Nas dúas fachadas hai uns oitenta canzorros aproximadamente. Imos centrarnos principalmente nos que salientan pola súa importancia e beleza, como figuras humanas, animais ou xeométricas.

Canzorros

Fachada sur: os canzorros desta fachada son principalmente con forma xeometrizante, concretamente en punta de quilla e variantes lobuladas. Tamén hai alguns con formas animais.

A figura animal máis salientábel é a cabeza dun bóvido. Está sobre a segunda das xanlelas, con cornamenta, orellas e fuciño ben resaltados. Semellante a esta figura temos un exemplo medieval en Bembrive.

A outra figura animal desta fachada ten unha forma bastante imprecisa, cunha estraña boca e unhas patas dificilmene identificábeis con calquera animal.

Á par destas figuras existen outras de fasquía xeometrizante dunha beleza excepcional. Algunha delas lobulada con entrelazados ao longo da banda central da figura, ou outra con remate en poma con banda central decorada con pequenas bólas pétreas, semellante a outra que podemos ven tamén en Bembrive.

Fachada norte:

Os dez primeiros canzorros dende a fachada son de estilo xeometrizante, con variantes da forma de quilla.

Sobre a primeira das xanelas aparece unha figura historiada idéntica a outra que atopamos na ábsida da igrexa románica de Bembrive. Unha figura humana, de cabeza indeterminada, sentada, cun obxecto cilíndrico sobre as pernas, moi difícil de precisar (un barril? un instrumento musical?).

Un pouco máis adiante temos outra escena na que aparece unha figura monstruosa deborando un ser humano polas pernas.

A seguinte figura podemos arriscarnos a catalogala de medieval. O evidente desgaste da pedra, o desdebuxamento da figura, permítennos ahegar este hipótese. Trátase dunha figura humana sentada, coa perna dereita cruzada por enriba do xeonllo da esquerda, e retorcéndoa cara ao corpo coas mans.

Sobre a segunda das xanelas atopamos outra figura medio humana, medio animal. Só presenta o torso, no que observamos que ten brazos e mans humanas, mais cabeza monstruosa, con prominentes dentes e cornos de castrón. A postura e figuración tamén é semallante a outra que atopamos en Bembrive; aínda que esta última presente a cabeza con forma felina.

A continuación outra figura humana, completa, nunha postura contorsionada, invertida e tocando os pés coas mans pola parte de atrás do corpo formando un arco. Esta figura tamén é identica a outra que atopamos en Bembrive, incluso cunha decoración na cintura moi parecida.

A última figura deste beirado inferior da fachada norte é de fasquía animal, cuadrúpede, deitado sobre as patas, cun longo rabo que o pasa por debaixo das patas traseiras e o envolve ao redor do van por encima do lombo. Idéntica a outra figura de Bembrive.

No beirado norte da cabeceira, entre os distintos canzorros, atopamos tamén algunhas figuras, todas de traza animal, con evidencias de ser modernas. A primeira delas ten unha forma de difícil precisión, aínda que se aproxima ao que pode ser un carneiro.

A segunda é un animal deitado sobre as patas, coa cabeza contorsionada cara atrás amosando unha longa lingua. As patas acentúan unhas considerábeis poutas afiadas.

A última das figuras é un torso tamén animal con cabeza semellante a un xabaril, mais cunha especie de cornamenta saíndo dende encima dos propios ollos.

Cabeceira: cuadrangular, máis alta ca a nave. O tellado a catro augas, canzorros decorados con figuras historiadas e xeometrizantes. As paredes están revestidas en branco. Sobresaen as esquinas e parte inferior en pedra e as xanelas e portas de arcos neogotizantes, tamén en pedra sobresaínte.

O edificio actual pertence á reconstrución á que foi sometida, inaugurada en 1882. e tamén neste punto aparecen referencias illadas a que a reconstruciónj do templo non se realizaou no mesmo lugar. Deixamos novamente esta controversia para a aclaración en canto se acheguen datos máis precisos.

A pesar da reconstrución sinalada, esta igrexa presenta características propias da tradición barroca: planta lonxitudinal de nave única, cabeceira cadrada, muros con poucos vans, teitume da nave principal a dúas augas e a da cabeceira a catro augas, escasa ornamentación nos muros laterais, concentración da ornamentación na fachada (comprobarédelo ao dardes unha volta ao redor deste tipo de igrexas), e o típico campanario acaroado nunha das esquinas da fachada (noutros casos sitúase no centro da fachada).

Os muros son de considerábel altura e conta cunha voluminosa cabeceira cuadrangular. Nos laterais norte e sur presenta xanelas e portas de remate neogotizante con vidreiras. Trátase de catro xanelas de distintas configuracións e tamaños.Os muros están caleados e deles sobresaen as xanelas e portas bordeados en pedra.

Portada: a fachada occidenteal foi complementada cunha construción a modo de soportal que tapou case por completo a visión da parede frontal. Ata tal punto se tapa que sobre o soportal vai un fornelo semellante ao que queda case oculto na fachada principal.

Este engadido foi obra do escultorCamilo Nogueira e nel reflicte un estilo monumental e clasicista, propio da súa etapa de posguerra. Tres arcadas enmarcadas en columnas de liñas clásicas, todo coroado con pináculos nas esquinas e un fornelo central cunha imaxe de Cristo sobre unha inscrición que o escultor dedica a súa nai Balbina Martínez.

torre do campanario está no lateral dereito da fachada. O cubo da toore chaga ata a altura do testeiro do tellado, ornamentado con columnacións. Sobre el ábrese unha balconada de ferro dentro da que se ergue o campanario propiamente dito, cuadrangular, de menor volume ca a torre, ten ornamentación columnado tamén nas esquinas e remata cunha cúpula rodeada de pináculos.

A fachada complétase cun cruceiro acaroado na esquina dereita ao pé da torre do campanario. Este cruceiro estaba antes no Calvario e foi trasladado para este adro en 1910.

Máis información

Galería de imaxes

Bango Torviso, Isidro G., Arquitectura románica en Pontevedra, fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, 1979, pp. 227-228.

 

Navegadores GPS

Podedes introducir o lugar onde está no voso navegador GPS.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programa PoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes).

 

[Texto e imaxes publicados con autorización do autor baixo licenza cc by-nc-nd]