23:04 h. jueves, 28 de marzo de 2024

CULTURA

As letras e os movementos socias despiden con agarimo a Begoña Caamaño

Redacción | @VigoDixital  |  28 de octubre de 2014 (12:14 h.)
Begoña Caamaño [Imaxe: Editorial Galaxia]

A xornalista e escritora, nacida en Vigo, falecía onte en Compostela logo de varios anos de loita contra unha grave enfermidade. 

O falecemento da xornalista, escritora e activista feminista Begoña Caamaño provocou un ronsel de reaccións. O agarimo e a vontade de facer perdurar o seu legado de compromiso coa lingua, co país e coa causa feminista, foron as constantes nas numerosas mensaxes que a nivel público se están a divulgar.

Begoña Caamaño naceu no barrio do Calvario o 14 de outubro de 1964. Estudou no IES Alexandre Bóveda de Coia e na nosa cidade deu os primeiro pasos no campo xornalístico exercendo desde 1989 na delegación viguesa da Radio Galega. Traballou tamén nos servizos informativos de Radio Popular de Vigo e Radio Noroeste, foi correspondente da Axencia Galega de Noticias e do xornal El Sol, para alén de colaboradora de A Nosa Terra, revista Tempos e Novas da Galiza.

En 1992 deslócase a Compostela para se integrar na redacción central da Radio Galega. Na emisora pública desenvolveuse como redactora nos servizos informativos ou no Diario Cultural. Dirixiu e presentou espazos como Andando na Terra, Club Cultura e Expresso de Media Noite.  Colaborou tamén nas revistas feministas Festa da Palabra Silenciada, dirixida pola tamén viguesa María Xosé Queizán, Deliberadamente e máis coa publicación antimilitarista Ar! 

Escritora "serodia"

En 2009 publica a súa primeira obra literaria “Circe ou o pracer azul”, que foi acollida con grande entusiasmo. En 2010 participa na obra colectiva “Pel con Pel”. O seu último título é “Morgana en Esmelle”, saído do prelo en 2012.

A súa literatura expresa tamén o compromiso de Caamaño, quen salientou tamén pola súa faceta como activista quer no campo sindical –-foi Presidenta do Comité Interempresas da CRTVG pola CIG--, quer no feminista reivindicando sempre “poñer as gafas lilás” para ollar a realidade desde a óptica "das excluídas". A nivel político fixo parte da plataforma Avante Galiza que apoiou a candidatura do BNG ás eleccións europeas do pasado mes de maio. 

"Pretendo coa miña obra ofrecer vimbios para facer un cesto novo, cun discurso contra o poder. Trátase de reivindicar a responsabilidade. Eu non vivo soa no mundo, o que fago, desde o propio consumo cotiá, ten consecuencias, tamén para outras persoas e diso teño que ser consciente" explicaba a autora, como recolle o xornal Sermos Galiza.

Malia ser unha escritora “serodia”, a súa obra recebeu numerosos recoñecementos. Con “Morgana en Esmelle” faríase co Premio Ánxel Casal (2012), da Asociación Galega de Editores, o Premio da AELG (2012), o Premio da Crítica de narrativa galega (2012) e máis o Premio Antón Losada Diéguez (2013).

Tristura e agarimo

A súa morte, con apenas cincuenta anos e logo de loitar contra unha dura enfermidade, fixo que o mundo das letras e os movementos sociais expresaran o seu maior pesar. O actor Candido Pazó dedicaba unha emocionada mensaxe na súa lembranza a través da rede social Facebook.

“Hoxe non podo pór imaxe ningunha porque a que gustaría de pór só está na miña cabeza e no meu corazón. A de aquel día de 1978, cando vin entrar polo portal do instituto, Coia 2, unha mociña de 1º de B.U.P. que chamaba a atención pola aura de frescura e alegría que a rodeaba. Unha mociña esguía e lanzal da que rápido intuías que a evidente beleza lourida que a adornaba debía corresponderse cunha luminosa e sólida beleza interior. Unha intuición que se confirmou con creces segundo a fomos coñecendo. Unha confirmación que nunca deixou de renovarse co paso do tempo, mesmo co paso do tempo máis duro e amargo dos derradeiros anos. Hoxe, cando nos deixou para sempre, fecho os ollos e rememoro aquela imaxe para que, a pesar de todo e aínda que pareza mentira, a vida acabe vencendo” expresou Pazó.

Santiago de Compostela albergará esta tarde, a partir das 15:00h en Boisaca, un acto de despedida civil.