15:15 h. sábado, 20 de abril de 2024

SANIDADE PÚBLICA

Maioritario seguemento da folga sanitaria en Vigo contra a privatización do novo hospital

Redacción | @VigoDixital  |  09 de diciembre de 2014 (18:24 h.)
Última manifestación en defensa da sanidade pública [Imaxe: CIG]

As forzas sindicais cifran nun 98% a participación entre o persoal dos servizos, como cociña, lavandaría ou mantemento, os máis perxudicados pola privatización de servizos no novo hospital.

A sanidade pública viguesa vive unha semana decisiva. Esta terza feira iniciouse a folga de catro días, con protestas diarias de catro horas, e que tivo un seguemento maioritario durante a quenda de mañá entre o persoal do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), segundo as forzas sindicais.

En especial, entre os traballadores e traballadoras dos servizos non sanitarios, como lavandería, limpeza ou mantemento, que pararon nun 98%. Estes servizos serán os máis perxudicados polas privatizacións que se prevén coa apertura do novo hospital en Beade e o conseguinte reordenamento da área sanitaria viguesa.

O ambiente leva meses caldeado entre o persoal dos hospitais da cidade, conforme se foron coñecendo novos detalles sobre o proxecto da Xunta. Por iso, fixeron un chamamento para que a cidadanía se sume a unha nova manifestación, que marcará o remate da folga, en defensa da sanidade pública. Partirá esta quinta (xoves) día 11 do Hospital Xeral ás 20h.

As listas de espera seguirán aumentando

 Fontes sanitarias apuntan a que os peches previstos aumentarán as listas de espera, pese a que Vigo conta xa coas máis longas de toda Galiza.

A apertura do novo hospital conlevará o peche dos hospitais Xeral, o policlínico Cíes, o Rebullón e os centros de especialidades da Doblada e Coia. Unha medida que aumentará as listas de espera, cren fontes sanitarias, malia que Vigo conta xa coas máis longas de toda Galiza. Lembran que a construción do hospital de Beade, outorgada a unha UTE de concesionarias privadas, custará 1.500 millóns de euros, máis de tres veces o inicialmente orzamentado.

O futuro do persoal

A gran incógnita, e o maior temor, é que pasará cos postos de traballo. Temen despedimentos e peores condicións laborais, cuestión que anticipan os sindicatos. A CIG denunciou que o Sergas está a ofrecer ao persoal non sanitario que pase voluntariamente a traballar para as concesionarias se non queren perder o emprego ou baixar de categoría. Razón que levou ao persoal de mantemento do Meixoeiro a unha folga indefinida, que se suspendeu hoxe tras case un mes de paro, diante da promesa da empresa que xestionará o servizo a negociar co persoal trasvasado.

O laboratorio central entre pingueiras

As pingueiras e humidades que o ano pasado obrigaron a pechar decenas de camas no Meixoeiro van a peor, segundo o persoal.

Outro dos puntos de maior disenso contra o novo hospital segue a ser a ubicación do laboratorio central, que se manterá no Meixoeiro. Un hospital que agarda unha reforma integral, posposta até a apertura do centro en Beade prevista para 2015.

As pingueiras e humidades que o ano pasado obrigaron a pechar decenas de camas van a peor, segundo o persoal, e manteñen pechados varios quirófanos, pese a que o inverno non deparou de momento excesivas choivas. Consideran que a falta de laboratorio central no novo hospital, que terá só un de urxencias, dificultará as probas e diagnósticos. Incluso, falan dun aumento da mortandade demostrado cando se alongan estos prazos.