Imprimir

Cinco mil voces defenden a sanidade pública berrando que "a privatización é corrupción"

Redacción | @VigoDixital | 10 de octubre de 2014

A manifestación convocada pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo reclamou a demisión da ministra Ana Mato. [Vídeo no interior]

[Vídeo: Avantar]

A manifestación realizada esta tarde nas rúas de Vigo en defensa da sanidade pública volveu contar, máis unha vez, cunha importante afluencia. Máis de cinco mil persoas participaron da marcha convocada pola Xunta de Persoal da Área Sanitaria de Vigo, co apoio unánime dos sindicatos. Ás 20h iniciaban o seu percorrido desde o Hospital Xeral para remataren na Porta do Sol. 

Alí o activista Antón Bouzas deu lectura ao manifesto unitario no que se verqueron fortes críticas cara ao modelo "privatizador" que o PP estaría a impor para a sanidade pública galega. No foco dos protestos está o novo hospital de Vigo, para o que se reclamou que sexa cento por cento público e que se garantan todos os servizos sanitarios.

No foco dos protestos está o novo hospital de Vigo, para o que se reclamou que sexa cento por cento público

Consignas como "a privatización é corrupción", berros reclamando a demisión da ministra Ana Mato pola súa xestión da crise desatada polo primeiro caso de ébola transmitido no Estado español, foron a constante nunha mobilización que contou coa presenza de representantes do BNG, EU, Anova, PSOE e Partido Pirata. 

Polo partido socialista participaron entre outros o Alcalde, Abel Caballero, ou o concelleiro Ángel Rivas. Precisamente este último foi increpado de maneira pacífica por algúns manifestantes ao remate do protesto pola súa recente imputación por prevaricación. "Onde está o formigón?" ou "sen vergoña" foron algúns dos epítetos que proferiron varios asistentes, indignados pola presenza do edil que non respostou.

 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección http://vigodixital.opennemas.com/articulo/social/mil-voces-defenden-sanidade-publica-berrando-privatizacion-corrupcion/20141010012518000597.html

Vigo Dixital
© 2019 Vigo Dixital

VIGO dixital | Información local ao servizo da veciñanza
>Na Rede desde o 1 de setembro de 2014


     
Desarrollado por Openhost con:      
OpenNeMaS CMS OpenHost S.L. Opennemas CMS