00:18 h. jueves, 28 de marzo de 2024

AFOUTEZA CELESTE

O noso derbi é noso

Silvia B.P. | @SilviaBP10  |  25 de febrero de 2015 (06:07 h.)

Resulta complexo transmitir con palabras o que máis dun millar de celtistas sentimos na bancada de Riazor. O noso derbi ten unha carga emotiva única e especial. Non son simplemente tres puntos. Vencer no campo do eterno rival é pura poesía. Escoitar un gol celeste en Riazor é música celestial. Sentir que mil gorxas enmudecen a todo un estadio roza o orgásmico.

 

O partido comezou ao medio día no arredores do vello Balaídos. Centos de persoas afinaban as súas gorxas entre bandeiras de Portugal e un Hugo Mallo preparado para a ocasión. No medio da festa, a maré celeste ateigou os autobuses e comezou a rodar a expedición do sur cara ao norte. Desde o norte de Portugal até o norte de Turquía, máis alá do muro. Un comboi de buses cargados de puro celtismo e custodiados por un forte dispositivo policial. Máis de tres horas de viaxe entre cánticos, cacheos, paradas de seguridade, máis cánticos e moita festa.

 

O balón comezou a rodar e a bancada visitante ruxiu cunha única voz. Afouteza e corazón en estado puro. Real Club Celta loló loló, Real Club Celta lololololó... Aos 48 segundos do segundo tempo chegou o delirio celeste. A baselina de Orellana paralizou o tempo. Todas e todos empurramos con Charles ese balón ao fondo da rede. GOOOOOOOOOOOL. Tolemia absoluta. Oé, eoé eh eh, eoé oé, eoé oé, eoé oé eh eh. O berro do éxtase celeste percorreu Riazor, a Praza de María Pita, a Torre de Hércules, a praia de Orzán...

 

Larrivey elexiu o mellor momento para poñer fin a súa sequía goleadora. Pelexou por un balón que non era seu, ante un Luisinho durmido e... ZASCA, GOOOOOOOOOOOOOOOOOOOOL. Coruña enteira quedou enmudecida polo gol dos celestes que xogaron de verde. A afección local comezou a desfilar polos vomitorios ao tempo que o celtismo deliraba coa victoria. Menuda festa! Gorxas desgarradas celebraban o gol xunto ao seu equipo. Unhas en Preferencia Superior Lateral, outros no curruncho, pero todas unidas polo mesmo alento. Gooooool hostia, goooool. Imoooos! A Rianxeira sonando en Riazor.

 

Despois do asubío final seguiu a festa. O equipo agradeceu o apoio desde o centro do campo. Mouriño e outros membros da directiva baixaron ao céspede a agradecer o alento e o comportamento da afección. Cando só quedabamos nós na bancada de Riazor, o equipo saltou de novo ao céspede. Eses minutos son un fiel reflexo da situación actual. Unha comuñón perfecta entre equipo e afección. A unión fai a forza! O Toto observou a festa desde un segundo plano, deixando o protagonismo aos xogadores e cun sorriso no seu rostro. O punto final foi un berro unánime “Toto Berizzo lolo/loloo/loloó”.

 

E isto é o que debe ser un derbi. Rivalidade sana e unha festa do fútbol galego. Sacando aos imbéciles dos cascos de cervexa, comportamento exemplar. Grazas por camiñar cara á normalidade.