10:29 h. jueves, 25 de abril de 2024

DEBATE

Unha nova caixa de aforros en Vigo?

Redacción | @VigoDixital  |  19 de diciembre de 2014 (07:28 h.)

Unha palestra organizada por Compromiso por Galicia presentará hoxe as razóns para a súa creación.

Logo da bancarización das caixas galegas, actualmente integradas en Abanca, Compromiso por Galicia promove un debate arredor da necesidade de recuperar ese instrumento financeiro público. A organización local de CxG en Vigo organiza hoxe unha conferencia-coloquio, a cargo do seu candidato á alcaldía, Miguel Barros. Na mesma valorarán “as posibilidades reais de recuperar esta histórica figura económica, revisando os motivos da súa desaparición e os aspectos positivos e negativos de impulsar unha refundación dunha Caixa de aforros metropolitana de Vigo como proposta en materia de impulso e apoio a emprendedores e tecido empresarial da comarca”.

O acto terá lugar ás 20h no Auditorio do Areal (antigo paraninfo da Universidade), e con el pretenden por en valor o histórico impulso emprendedor da comarca de Vigo e a súa ferramenta financeira histórica do século XX como foi a antiga "Caixa de aforros municipal". Miguel Barros serán presentado por  Manuel González López, economista e profesor da Universidade de Santiago de Compostela.