01:32 h. viernes, 29 de marzo de 2024

CONFLITO DA ROTONDA

Só o novo alumeado da rotonda de Coia custará 115.000 euros

Redacción | @VigoDixital  |  20 de enero de 2015 (11:20 h.)
[Imaxe: Ernesto Ilkerman]

O goberno municipal aprobou en xullo de 2014 esta partida que por si mesma xa supera os 100.000€ que segundo o alcalde ía custar instalar o Bernardo Alfageme.

O goberno municipal decidira hai tempo que o Bernardo Alfageme se instalaría en Coia. O pasado 17 de xullo aprobou unha partida de 115.000 euros para renovar o alumeado da rotonda de Castelao, tres meses antes de que se discutira no pleno municipal. Un importe supera o presuposto para a obra que defende o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

“Parece procedente o realce lumínico ornamental e a posta en valor de dita rotonda con algún motivo emblemático que vincule a historia da cidade de Vigo co mar (…) é aconsellable a potenciación da iluminación do exterior e interior da rotonda e o seu entorno para o cal se autorizará a mercantil Imes Api, a realización dos traballos auxiliares e complementarios de adecuación e traslado do buque Bernardo Alfagame para a súa instalación na rotonda coa aplicación do sistema de iluminación ornamental proposta”, recolle o expediente.

A partida forma parte dun investimento de 842.500 euros para a empresa Imes Api, actual concesionaria de mantemento do alumeado público, como contrapartida para á prórroga do contrato até 2016. O prazo para a realización da obra é de 6 meses, prazo que xa venceu á vista de que non se comezou a instalación do alumeado. 

O custo da obra, unha incógnita

A resistencia veciñal retrasou os traballos na rotonda, malia que hoxe está case preparada para o traslado do buque Bernardo Alfageme, cuxa restauración do casco está moi avanzada no astaleiro Cardama. Un traslado que está previsto para os próximos días, segundo se desprende das declaracións dos responsábeis municipais.

O custo da obra segue a ser unha incógnita, e un dos motivos de maior desconfianza para a os veciños e veciñas. Durante o debate no pleno de outubro, a oposición aseguraba que o orzamento era de 275.000 euros para a obra, que está a realizar a empresa Civis Global, concesionaria de mantemento viario, e 75.000 euros para o novo alumeado. Cifra que despois de varios días de loita veciñal, Caballero rebaixou a 100.000 euros.