00:10 h. martes, 23 de abril de 2024

SANIDADE

O persoal non sanitario teme perder o seu emprego coa privatización do novo hospital

Redacción | @VigoDixital  |  06 de noviembre de 2014 (16:17 h.)
Persoa do persoal de mantemento do Meixoeiro (Foto: CIG)

O cadro de mantemento do hospital Meixoeiro vén de convocar unha folga indefinida até que se aclare o seu futuro laboral.

A apertura do novo hospital de Beade segue a xerar receos entre o persoal da sanidade viguesa. Ás continuadas protestas do persoal sanitario, únense os traballadores e traballadoras de servizos non sanitarios –limpeza, lavandaría, cociña e mantemento- ante o futuro incerto dos seus empregos. 

As reunións mantidas polos sindicatos cos responsábeis do Sergas non tranquilizaron os ánimos. De feito, aumentaron a desconfianza ante a futura privatización dos servizos no novo complexo. O peche planificado dos hospitais Xeral, Cíes e Rebullón, xunto a reestructuración do Meixoeiro, afectará a centos de persoas.

O Sergas calcula que son 276 as afectadas, cifra que os sindicatos elevan até as 350. En especial, apuntan ao persoal interino ou con contratos temporais como os máis prexudicados. Arredor de 200 contan con praza fixa e terán que decidir se aceptan a oferta da concesionaria privada ou son recolocados no Chuvi. As forzas sindicais reclaman información e compromisos por escrito. 

Folga no Meixoeiro

Esta situación levou ao persoal de mantemento do hospital Meixoeiro, xestionado pola empresa Isolux, a convocar unha folga indefinida a partir do día 17, até que se aclare que pasará cos seus postos de traballo. Cren que serán sustituidos por persoal do Xeral, porque contan con peores condicións laborais, para aforrarlle custos á concesionaria.

Coa chegada das primeiras choivas comezaron a repetirse as esceas do ano pasado, con pingueiras e humidades en todo o Meixoeiro.

O Meixoeiro encóntranse ademais nun estado moi deficiente e o Sergas recurtou un 30% orzamento para mantemento, segundo denuncia a CIG. A promesa da Xunta de reformar a fachada quedou finalmente posposta até a apertura do centro en Beade. Polo que coa chegada das primeiras choivas comezaron a repetirse as esceas do ano pasado. Pingueiras e humidades que obrigarán a ter pechadas decenas de habitacións do complexo hospitalario.

O riscos do laboratorio

Outro dos puntos quentes da reestructuración da área sanitaria viguesa é a ubicación do laboratorio central. O Sergas manténse firme no seu plan de que o servizo se centralice no Meixoeiro, inda que o novo hospital teña un laboratorio de urxencias. Algo que para o sector sanitario provocará serios perigos.

O 90% do persoal de laboratorio considera que o plan do Sergas está "obsoleto" e será "ineficiente", polo que advirten dos riscos.

Un informe asinado polo 90% dos profesionais do servizo considera que o modelo elixido dificultará as probas e aumentará o risco de erros. Un sistema “obsoleto e ineficiente” que pode ter consecuencias para os pacientes. Apuntan a que a mortalidade aumenta dun 26,7% até o 42,9% cando os diágnosticos se atrasan para alén de seis horas.