08:06 h. viernes, 29 de marzo de 2024

CONFLITO VECIÑAL

A veciñanza de Coia paraliza as obras de instalación do Bernardo Alfageme

Redacción | @VigoDixital  |  04 de diciembre de 2014 (13:46 h.)

Varias decenas de veciños e veciñas impediron desde as 8h que continuasen os traballos. O protesto contou co apoio de diversos colectivos sociais e organizacións políticas. [Vídeo no interior]

[Vídeo e imaxe: Roberto Solano]

Tal e como acordaran en asemblea aberta a tarde anterior, varias decenas de veciños e veciñas do barrio de Coia concentráronse desde as 8:00h desta mañá na rotonda de Castelao, para paralizaren as obras que nela se están a acometer para a instalación do barco Bernardo Alfageme. Obxectivo que lograron sen se producir ningún incidente. Primeira vitoria veciñal dun conflito que se antolla incerto. 

Canda a veciñanza acudiron representantes de diversas forzas políticas, entre eles o candidato do BNG á Alcaldía, Serafín Otero, así como integrantes de Anova ou Equo. Tamén colectivos como a Federación Veciñal participaron do protesto, que contou co apoio da Asemblea de Movementos Sociais de Vigo.

“O barco ao mar e os cartos para usos sociais” reclaman desde o barrio

A oposición a instalar nese lugar o emblemático buque ten unha dupla motivación. A veciñanza cuestiona en primeiro lugar o custe, que estiman superará os 300.000€, para unha obra que apenas terá efecto estético nunha contorna fortemente golpeada polo desemprego. Asemade, critican que o Alcalde escollese unilateralmente ese emprazamento, desouvindo mesmo ao Pleno, cando o lugar máis idóneo sería o peirao do Museo do Mar, tal e como propuxeron BNG e PP.

“O barco ao mar e os cartos para usos sociais” resumían na cartelería que portaban as arredor de sesenta persoas que ocuparon pacificamente a rotonda. Ao feche desta información a concentración mantíñase e teñen previsto darlle continuidade tamén ao longo da tarde de hoxe, xa que temen que a súa ausencia se aproveite para reanudar as obras. 

Para mañá, sexta feira, ás 19h diversos colectivos sociais e veciñais convocan unha nova concentración baixo o lema “#NonAoBarcoDeChanquete”. Está prevista a convocatoria tamén dunha manifestación veciñal nos vindeiros días.