11:31 h. viernes, 29 de marzo de 2024

ATLÉTICO DE MADRID 1-1 CELTA DE VIGO

Voces do Calderón celeste

Redacción | @VigoDixital  |  23 de septiembre de 2014 (10:00 h.)

Catro siareiros celestes relatan para VIGO dixital como viviron o empate logrado polo Celta contra o Atlético de Madrid, e como sinten as cores celestes a tantos quilómetros da terra.

Milleiros de quilómetros é o que acumula a afección celeste tempada tras tempada. Alén da distancia o alento das siareiras e siareiros acompaña sempre ao conxunto da cidade olívica. O celtismo descansa dunha viaxe de ida e volta a Madrid ao tempo que vive as horas previas do noso derbi e prepara o próximo desprazamento. 

O comportamento, como sempre exemplar do celtismo, na bancada do Calderon axudou a conquistar un empate con sabor a vitoria. Os de Cholo non puideron usar a etiqueta de falsa modestia ante un conxunto cun orzamento catro veces inferior, e o pobre pintou a cara do rico, algo do que tanto presumen os atléticos e que o pasado sábado viviron nas súas propias carnes.

Madrid sempre é territorio hostil para a afección celeste, porén iso non impide o desprazamento de centos de persoas que fan sentir aos seus como na súa casa. Despois de soportar a censura e o trato degradante da policía española quedan forzas para alentar dende o primeiro até o último instante. 
Desde VIGO dixital volvemos dar conta de como se vive o celtismo cando o equipo xoga lonxe da terra, por boca de catro siareiros celestes que deixaron a gorxa no Estadio Vicente Calderón. 

 

Fernando Juncal | @Fer_Vigo | Morriña Celeste


"Desde Morriña Celeste recibimos, unha vez máis, aos nosos compañeiros e compañeiras celtistas deprazados a Madrid cunha longa previa na nosa sede con xantar, música e sorteos, co obxectivo de facerlles sentir coma se estivesen na casa. O bo ambiente de comuñón entre as peñas que viaxaron a Madrid deu como resultado un gran día de celtismo. Incríbeis os cánticos no metro de camiño ao Vicente Calderón, nunha gran marea celeste! 

Xa no estadio, vivimos intensamente un partido no que os nosos xogadores esforzáronse e defendéronse con unllas e dentes; sacando un punto e moita moral para gañar o próximo partido ao Coruña."

 

Berto Carballo | @BertoCarballo11 | Preferencia Celeste



"Puntazo de ouro. Despois dun grande desprazamento a Córodba, tocaba no meu calendario unha viaxe que tiña gañas de facer, ante o Atlético de Madrid no maxestoso Vicente Calderón. Tras as sempre monótonas horas de bus non fallou a previa no Galicia Importa cos compañeiros de Mmorriña Celesta. Cun bonito  Coruña 2-8  Madrid para amenizar a tarde, puxemos rumo á ribeira do Manzanares, facendo dúas escalas no metro con todas as escaleiras cheas de celtismo puro.
Xa no Calderón, o Tucu Hernández fixo brilar ao Celta en todo o mundo, coa súa xenialidade de gol. Mirada e Godín arrolaron a balón parado. No descanso entrou o mago de San Lucar de Barrameda para amañalo todo, tanto que precedeu unha media hora de puro sufrimento. Un sufrimento que pagou a pena."

 

Pablo Alonso | @PabloAlonsoo | Irmandiños



"Arrancaba o bus irmandiño ás 6:00 do sábado desde o vello Balaídos. Dentro del, un bo grupo de Celtistas de todas as idades. Unha viaxe na que mandaban as caras de sono ao principio, mais conforme a paisaxe fóra do bus se ía facendo mais monótona, arrincaban os cánticos e as gañas de partido facíanse notar. Chegada a Madrid e xuntanza cos compañeiros da capital e os Celtistas que viaxaran por libre. A unión fai a forza. Mais cánticos. Peregrinaxe celeste polas rúas madrileñas e invasión do metro. Reseñar o abraiadas que deixabamos a toda a xente coa que nos cruzabamos. 

Chegada ao estadio, non sen antes sortear --escoltados pola Policía-- zonas onde se reúnen os ultras rivais. Na bancada do Calderón gran animación, impoñéndonos por momentos á que chaman (moi equivocadamente) mellor afección do Estado. Animación deslucida pola prohibición de estar de pé. Para rematar, alegría infinita polo inesperado punto acadado que fixo mais amena a viaxe de volta. 
Xa pensando no seguinte... "

 

Mon Sanromán | @mon_sanroman



"Cando se sortea o calendario da Liga fíxome sempre en dúas cousas: cando se xogan os derbis e cando caen as saídas mais "asequíbeis". E aí estaban o Calderón, San Mamés, Ipurúa e Riazor.
Coa viaxe con Irmandiños xa no peto fixéronse longos estes días de espera ata que o sábado 20 de Setembro ás 6:15 se pechaban as portas do discobús e puñamos rumbo a Madrid. Tíñamos 7 horas e pico de viaxe, que se fan amenas falando con xente que coñeces de outros viaxes ou de previas en Balaídos, e con xente que coñeces nese mesmo día.

Entre cervexa e cervexa e un par de paradiñas para estirar as pernas plántaste xa na capital, a iso das 13:30, e alí espera o Galicia Importa, fogar dos celtistas en Madrid e sede da peña Morriña Celeste. É o momento no que se transforma un anaco de rúa de Madrid nun anaco de rúa de Vigo. Sucédense os cánticos a medida que corre a cervexa e se reúne mais xente ata que a iso das 18:00 poñemos rumbo á boca do metro que nos levará ó Calderón. Unha marea celeste que se fai notar segue cantando e animando ata nos mesmos vagóns do metro, e así chegamos ó noso destino.

Sorpresa a miña cando ó saír do metro esperábannos para escoltarnos ata o estadio un feixe de policías, algún a cabalo, a quen preguntei:
-"¿Es necesario este despliegue?"
E contestoume rotundo:
-"Si no quieres que te abran la cabeza si"

Uns metros mais adiante xa entendín o que me quería dicir. Preto do estadio os afeccionados atléticos fixéronnos un corredor  e avanzamos entre xestos, insultos e cánticos de "a segunda oé, a segunda oé....". Non deben recordar que non hai moito eran eles os que choraban por estar no inferno, debe ser a prepotencia que dan os títulos...

Sen máis problemas entramos no estadio. Precioso, eu nunca estivera nel, collemos sitio e comezamos a animar os nosos que estaban quecendo. Comezou o partido, difícil, e puxémonos por diante, estoupou a zona visitante coa obra de arte de Pablito pero pouco durou a alegría e no descanso xa perdíamos 2-1.

No reinicio empatamos cedo grazas a un gol de penalti de Nolito e despois tocou sufrir. Sufrir moito. Pero aí estaba "o gato de Catoira" para darnos un puntiño que nos soubo a gloria.

Co pito final volveu estoupar de ledicia a nosa zona e continuaron os cánticos de agradecemento ao esforzo dos nosos xogadores, que se prolongaron a mais de media hora que estivemos alí ata que nos deixaron saír.

Xa fora, e despois de que a policía nos volvese escoltar e dar un "paseo" inútil por Madrid, ciscounos nunha rúa e tivemos que volver pola nosa conta de novo ao estadio para coller o bus e regresar a casa.Quedaban 7 horas e pico de camiño, levadeiros desta vez grazas ao noso valioso botín.

Eu sempre digo que nos viaxes co Celta o de menos é o resultado, porque o máis bonito é compartir a túa paixón a centos de quilómetros da casa con xente coma ti, que coñeces de pouco ou acabas de coñecer pero que durante esas horas son como irmáns. Iso é realmente o bonito!

Agora espera Bilbao."

[Imaxe: Diego, Centolos Celestes]