21:05 h. Vernes, 17 de Novembro de 2017

Vigo Dixital

O que somos

A información é un dereito fundamental porque é a base indispensábel para a toma de decisións. A actual oferta informativa local, condicionada polos patrocinios públicos e privados, remata por ser un factor limitante da xa ultraprecaria democracia formal. O silenciamento de toda voz crítica, quer co poder institucional quer con grandes empresas, é máis unha forma de censura asfixiante. O servilismo a cambio de subvención ou publicidade, acaba por converter a información nunha mera mercadoría e nun instrumento ao servizo da domesticación social.

O silenciamento de toda voz crítica, quer co poder institucional quer con grandes empresas, é máis unha forma de censura asfixiante

Nun momento histórico de grande crise, mais ao tempo de enormes oportunidades con novos escenarios que parecían imposíbeis, apostarmos por unha información diferente é urxente e necesario para estimular o empoderamento do povo que faga posíbeis os cambios que se precisan. Vigo Dixital xorde con vocación de instrumento para a comunicación popular ao servizo da veciñanza da nosa cidade,  con base nun modelo alternativo de carácter colectivo, con total independencia das institucións e do empresariado.

Concibimos o xornalismo en chave de compromiso social, apostando por informar con rigor, veracidade e pluralidade, mais cun enfoque comprometido co povo, e singularmente coas clases populares que constitúen a maioría social. Poñendo o foco nos feitos que os media sistémicos obvian e dando a voz ás organizacións e movementos sociais tantas veces silenciados.

Desde os barrios até a cidade

Vigo é unha realidade diversa. Lonxe da uniformidade é a expresión dinámica dun conxunto de microrealidades que teñen nos barrios e nas parroquias o seu espazo matriz. A información local debe ir para alén dos temas que atinxen con carácter xeral ao conxunto da cidade. VIGO dixital ten o compromiso de dar conta desa outra información máis próxima aos e ás viguesas.

Acreditamos nunha outra forma de sermos e sentirmos vigueses e viguesas, refugando do discurso hiperlocalista

Acreditamos nunha outra forma de sermos e sentirmos vigueses e viguesas, refugando do discurso hiperlocalista, que outros medios subscriben e alimentan, que pretende apropiarse en exclusiva da defensa dos intereses da veciñanza que habitamos a cidade, cimentando o noso ser colectivo na permanente confrontación con outros lugares. Fuximos do afán por isolar Vigo da realidade de conxunto da que é parte significativa, reivindicando que sermos vigueses e viguesas é o noso xeito de sermos galegos e galegas en Vigo. A nosa maneira de existir neste recuncho do noroeste peninsular, ao sur de Europa e como porta atlántica a esta. 

Na nosa lingua

Apostamos polo galego para informar e opinar

VIGO dixital nace, pois, para ofrecer outra información local. Unha información diferente á das cabeceiras tradicionais. Tamén no relativo ao idioma. Fronte unha oferta mediática case que exclusivamente en castelán, a pesar de que --contrariamente á imaxe que se proxecta-- só un 35,7% (*) da veciñanza de Vigo afirme utilizar exclusivamente esa lingua, nós apostamos polo galego para informar e opinar. Facémolo pensando, precisamente, nese 92,8% (*) de cidadás e cidadáns que recoñecen non teren ningunha --ou só algunha pequena-- dificultade para ler no noso idioma, e como contribución para promocionar o seu uso social.

Editorial de presentación,1 de setembro de 2014.

 

(*) Datos do último estudo sociolingüístico do Concello de Vigo.