09:38 h. jueves, 28 de marzo de 2024

Non se trata só dun barco nunha rotonda

| 20 de febrero de 2015

bernardo

Hai quen se pregunta hoxe por que tanta lea por unha rotonda. A razón máis primaria é puramente estética. Malia que Abel Caballero está encantado coa imaxe do Bernardo Alfageme na rotonda de Coia, resulta difícil asumir que esta peza histórica vaia lucir --altura do seu pasado-- en medio dunha avenida. O primeiro punto certamente admite discrepancias, mais non que o tamaño do barco (27 metros de eslora) reducirá considerabelmente a visibilidade na rotonda, situada nunha das vías de maior tráfico da cidade. A alternativa, o museo do Mar, semellaba feita a medida, se non fora por entraren en xogo os intereses partidistas de quen terá a titularidade o buque, se Xunta ou Concello.

Resulta difícil asumir que esta peza histórica vaia lucir --altura do seu pasado-- en medio dunha avenida

Tampouco hai explicación a como se contratou a obra nin cal é o seu custo total. A Fiscalía agarda dende hai un mes polo expediente, solicitado após a denuncia veciñal. O alcalde dixo en repetidas ocasións que custará cen mil euros, pero só o novo alumeado ten un importe superior, como revelou VIGO dixital. Ao que hai que sumarlle os grandes dispositivos policiais (con até unha quenda enteira do corpo municipal presente en Coia) e as horas extras, nocturnidades e días festivos pola vixianza permanente da rotonda. Só en decembro, os complementos de produtividade que pagou o Concello aos axentes sumaron até 77.000 euros. Aos que hai que lle sumarr os reténs de urxencia de operarios de mantemento, convocados varias madrugadas na rotonda co fin de avanzar os traballos sen oposición veciñal.

A rotonda uniu a veciños e veciñas de Vigo, con colectivos sociais, sindicatos e partidos políticos, contra unha forma de gobernar

Pero como insiste e repite dende o comezo a veciñanza, non son estas as razóns de fondo da súa loita. A rotonda uniu a veciños e veciñas de Vigo, con colectivos sociais, sindicatos e partidos políticos, contra unha forma de gobernar. Contra políticas que priorizan a “fermosura” dunha cidade onde milleiros de persoas malviven na pobreza. Que proxecta decenas de humanizacións e grandes obras antes das eleccións pero non soluciona o colapso dos servizos sociais. Fronte a actitude autoritaria dun goberno municipal en minoría, que desaloxou pola forza tódolos intentos de ocupación veciñal pacífica, acusando de atentado a tres veciños e militarizou o traslado. Non foi, como queren insinuar, froito dun día.

O obxectivo común dos protestos foi facer que a prioridade sexan as persoas e non obras destinadas a engrosar un ego desbordado polo poder absoluto

Foi na ODS de Coia e na Parroquia do Cristo da Victoria onde comezou a fraguarse o movemento. Un barrio obreiro especialmente castigado polo desemprego e a exclusión. Só en 2014 protagonizaron unha trintena de protestas, das 475 que houbo na cidade, ante a falta de políticas sociais e o mal funcionamento da rede de cobertura social. Cansas e fartas de concentracións e reclamacións sen resposta nin solución, desde 2007, a colocación do Alfageme converteuse nunha sorte de símbolo. Nel confluíron organizacións e partidos que fan parte da Asamblea de Movementos Sociais, que durante os últimos meses articulou unha fronte común contra a emerxencia social na cidade.

Entre a veciñanza, hai parados e paradas de longa duración, familias vivindo co xusto, dependendo da beneficencia, que foron desafiuzadas ou lle cortaron a luz, e que viven en primeira persoa a falla de políticas sociais do Concello. Cada quen coas súas motivacións, mais todos e todas arredor dun mesmo obxectivo. Facer de Vigo unha cidade máis xusta e igualitaria, onde a prioridade sexan as persoas e non obras destinadas a engrosar un ego desbordado polo poder absoluto. Oxalá se tratase só dun barco nunha rotonda.

 

Autores de opinión
Facebook