00:13 h. Lúns, 21 de Agosto de 2017

Vigo Dixital

Cartas ao director

Carta aberta a Abel Caballero

VIGO dixital está aberto ás túas opinións. Envía a túa carta ao correo electrónico cartas@vigodixital.com, indicando o teu nome e apelidos e documento de identidade.

Cartas ao director | 02 de Xaneiro de 2015

  • Por VERDEGAIA VIGO

O motivo desta carta está relacionado coa polémica sobre a instalación do barco Bernardo Alfageme nunha rotonda do barrio de Coia. Esta iniciativa do goberno municipal ten provocado a contestación e protesta de entidades sociais e veciñanza. Ante isto, a resposta do Alcalde é reducir a importancia desta oposición, estigmatizala, relacionala con posturas partidistas e entrar nunha guerra dialéctica de cifras en torno ao custe da obra.

Caballero apela á maioría silenciosa que non protesta, como fai o goberno central do PP

Intentaremos explicar de novo a nosa postura, cando menos para que poida comprender o que hai detrás. Logo pode presentarnos como queira: radicais, partidistas, ignorantes... mala xente en definitiva, que dá problemas. Pode apelar á maioría silenciosa que non protesta, como fai o goberno central do PP, desprezar os nosos argumentos ou enviar policías á rotonda. O poder consiste niso, non si?

Ben. Comecemos. Temos aquí tres cuestións importantes en xogo: o gasto, a cuestión patrimonial e como se toman as decisións dende o Concello. Iremos por orde.

O gasto

Está claro que o custe de pór un barco nunha rotonda é alto pero limitado. Igual que a árbore de luces que está na Porta do Sol e outros gastos de tipo ornamental. Está claro que construír o Auditorio Mar de Vigo é moito máis caro, uns 85 millóns de euros segundo a prensa. A cifra que saíu primeiramente nos xornais para esta actuación foi de 300.000 euros. Agora Sr. Alcalde, vostede fala de 100.000. Sen pretender desconfiar da súa palabra, é sinxelo comprender que todo este tipo de partidas orzamentarias poden presentarse de moi diferentes formas, segundo os conceptos incluídos, pero é moi habitual que as administración non faciliten datos dos custes reais definitivos, dos totais, que con moita frecuencia multiplican as previsións de gasto inicial.

Hai que preguntarse se os gastos son necesarios, se non hai alternativas máis económicas e efectivas

Porén, o importante non é entrar neste tipo de xogos dialécticos, senón preguntarse se os gastos son necesarios, se non hai alternativas máis económicas e efectivas. A mesma lóxica que xustifica esta obra menor é a que xustifica moitas obras faraónicas: moven a economía, xeran emprego, engaden valor aos lugares onde se realizan, etc. A cuestión é se iso pode conseguirse doutro modo, cun custe menor e dun xeito máis efectivo, máis duradeiro, máis sostible. En moitas ocasións todo se resolve con obras e inauguracións, con propaganda política e substanciosos contratos para construtoras. Un dos maiores exemplos é a Cidade da Cultura. Realmente é bo que sexa esa obra o destino de boa parte dos orzamentos da Xunta en materia cultural?, iso é o que garante o futuro da cultura galega? A cara oculta desta lóxica é o malgasto de diñeiro público e a corrupción, ilegal ou legal, na xestión das contratacións.

A protesta é contra o mal gasto de cartos públicos, alén de que o tema da rotonda sexa simbólico

Por outra banda os gastos non poden tomarse illados. Quen protestamos contra a instalación do barco non concordamos por iso co resto de medidas do Concello. A protesta vai máis alá, é contra o mal gasto de cartos públicos, alén de que o tema da rotonda sexa simbólico. Xa que os cartos son limitados, importa en que se gastan e en que se poderían gastar.

Vostede tamén está a defender as súas políticas sociais. Non argumentaremos máis aquí que o que xa ten feito a Oficina de Dereitos Sociais de Coia. Só engadir que non hai límite nas políticas sociais e que non se pode defender que se fai bastante sempre que persista a desigualdade e a pobreza. E abofé que na nosa cidade persiste. En Vigo hai desigualdade, pobreza, exclusión social, ou non, Sr. Alcalde?

A cuestión patrimonial

Instalar o Bernardo Alfageme nunha rotonda é unha aberración e unha falta de respecto pola memoria colectiva

Non existe neste eido discusión posible. Aquí si que non ten vostede, Sr. Alcalde, ningunha razón que alegar. Instalar un barco como este, cedido e restaurado para a súa conservación e uso como patrimonio cultural da comarca, nunha rotonda, é unha aberración e unha falta de respecto pola memoria colectiva. Non ten sentido tanto interese na defensa da cruz do Castro e logo este tipo de ocorrencias con bens que debían ser declarados de interese cultural común. É incomprensible esta actitude dende o punto de vista patrimonial, pedagóxico, ou da xestión do público. Só o é no contexto dunha tradición local de auto-odio e desprezo cara o propio patrimonio cultural, material ou inmaterial. Cando mudaremos isto en Vigo? Parece que polo momento non, que preferimos copiar o peor doutras vilas pero non as iniciativas máis avanzadas nesta materia.

A toma de decisións, a democracia e o colectivo.

Un substrato presente en todo este asunto é o modelo de toma de decisións dende todo tipo de gobernos, que ten a ver coa calidade da nosa democracia. No caso do concello de Vigo o agravante é na actualidade o personalismo e egolatría do seu Alcalde, xa que máis que dunha decisión gobernativa semella que estamos a falar de proxectos e teimas persoais.

Non é aceptable este gobernar mandando, hai que gobernar obedecendo, en relación coa vontade popular

Isto é algo insoportable. Xa non é tempo para esta forma de entender a política. Non pode xestionarse o público durante unha lexislatura sen máis consulta á cidadanía que unha votación cada catro anos, baseándose en programas electorais que nin son coñecidos pola maioría da xente, nin son respectados polos propios partidos, nin falan de todas as decisións a tomar. Non é aceptable este gobernar mandando, hai que gobernar obedecendo, en relación coa vontade popular, con procesos de consulta e toma de decisión colectiva. Sr. Alcalde, Vigo non é vostede, nin a xente que votou o seu partido, que nin sequera foi a maioría da poboación e tampouco ten que concordar sempre coas súas decisións. A democracia pode e debe ser outra cousa.

P.S.

Viviremos nunha cidade fermosa non por termos máis adornos e axóuxeres. Sobre isto poderiamos discutir no estético ou nas concepcións urbanísticas, pero non é o caso. Viviremos nunha cidade fermosa se reducimos a desigualdade económica, se aumentamos a xustiza social, a solidariedade e a vivencia do colectivo. Será Vigo fermosa se respectamos o noso patrimonio cultural e memoria. Vigo será fermosa por ser unha cidade participativa, na que as decisións que afectan ao común partan da vontade común.

E para rematar, dicirlle que como a nós si que nos importa o patrimonio cultural e é parte del e da memoria desta cidade a súa vocación reivindicativa e loitadora, pois seguiremos a defender e manter viva esa cultura. Vémonos nas rúas, Sr. Alcalde.

 

Máis accións:
Outros autores
Facebook