05:41 h. viernes, 29 de marzo de 2024
Cartas ao director

O despropósito do departamento de benestar social: colapso e ineficacia

VIGO dixital está aberto ás túas opinións. Envía a túa carta ao correo electrónico cartas@vigodixital.com, indicando o teu nome e apelidos e documento de identidade.

Cartas ao director | 02 de diciembre de 2014

  • Por OFICINA DE DEREITOS SOCIAIS - COIA (Vigo)

Nos últimos tempos o alcalde repite como unha ladaíña esta mensaxe: “Vigo es el Ayuntamiento con más política social de España". Propaganda, simulación, mentira... para quen sufrimos estas políticas é o que nos ven á mente ao escoitaren as palabras de Caballero.

Din que destinan unha fartura de cartos ás políticas sociais, como se non soubesen que cada día máis persoas acudimos aos servizos sociais e alí nos atopamos co labirinto da exclusión social. Un labirinto feito a base de “non hai cartos”, de semanas de agarda por unha cita coa traballadora social, de moreas de requisitos; por nomear algúns dos atrancos que os poderes utilizan ao relacionarse coa xente máis empobrecida.

Xa non é que o digamos nós, que tamén. Desde dentro están a deixar de manifesto os problemas que sufrimos. Por unha banda está o acordo no pleno municipal, forzado por todos os grupos da oposición, para reforzar os servizos sociais co obxectivo de pór fin ao colapso e axilizar as axudas sociais; e por outra a denuncia do persoal do departamento de Benestar Social perante o Valedor do Pobo e a Inspección de Traballo na que manifestan “a situación de extrema precariedade e desamparo na que se atopan os usuarios deste servizo como consecuencia da falta de recursos, tanto materiais como persoais”. Unhas denuncias amplificadas pola protesta das traballadoras sociais do concello que atenden ataviadas con chalecos laranxas nos que se pode ler “Servizos Sociais Colapsados”.

Volvemos a falar duns problemas que non cansamos de denunciar e de sufrir no referido as axudas sociais do Concello de Vigo:

Axudas de Emerxencia Municipais (AEM):

- Non entendemos como o alcalde non para de falar do aumento destas partidas, feito que choca co “non hai cartos” que escoitamos en moitas citas coas traballadoras sociais. O certo é que hai persoas con axudas concedidas que teñen que agardar a percibilas até que chegue a o oportuno fondo. Repítense as denegacións de axudas argumentando que hai que “repartir os cartos que hai”, ou que “xa che dimos bastantes axudas”.

- Concelleira e xefe de servizo aseguran que ninguén fica sen axuda para cubrir facturas de luz ou gas con orde de corte. A experiencia di que seguimos a sufrir cortes de subministros coñecidos polo concello. Hai uns días unha compañeira coa luz cortada, e coa axuda denegada para este fin, tivo que escoitar dunha funcionaria e de moi malos modos “que tiña que acostumarse a vivir cunha RISGA e reducir gastos”.

- Non abonda coa restritiva e arbitraria aplicación das bases en vigor, con atrancos e exclusións que non aparecen nas bases, que os responsables do departamento ameazan cun endurecemento das mesmas para 2015.

- A día de hoxe non se está dando resposta eficaz e rápida ás solicitudes dun tipo de axudas, que, pola súa propia configuración, deberían cubrir situacións de extrema necesidade e urxencia. Estamos a agardar meses pola resolución de axudas para alimentos e alugueiro. Se están denegando axudas para alimentación básica a persoas perceptoras dunha RISGA ou PNC, argumentando que non son situacións de verdadeira necesidade. Para aboar axudas de alugueiro se está a esixir ter unha demanda de desafiuzamento, e aínda así, a concesión non está garantida. Cada vez é maior o tempo (até 5 meses) que temos que agardar para que as traballadoras sociais fagan o informe obrigado para cobrar a RISGA.

E se falamos das axudas extraordinarias, o coñecido como “cheque social” temos que apuntar:

- Foron resoltas fora de prazo: tardaron máis dos tres meses marcados nas bases para resolver as axudas.

- Unha xestión penosa na entrega das axudas: saturación e colas que trouxeron tensións entre as beneficiarias, ao punto de persoas facendo cola desde antes das 6 da mañá para coller número.

- A restritividade: só 1.253 familias beneficiaranse dos menos de 2 millóns de euros destinados. Como xa falamos no momento da saída da convocatoria as bases eran tan duras que só cubriron a moi poucas persoas das que sofren problemas de falta de recursos na cidade.

Todo isto mentres o enfrontamento permanente entre Concello e Xunta sempre nos prexudica, como no caso do ticket eléctrico no que os servizos sociais municipais negáronse a colaborar coa consellería responsable. E por non falar dos paus que tamén recibimos da Xunta, das últimas: visitas sorpresa de inspectoras nos fogares das “risgueiras” na procura de fraude.

Estamos cansas e fartas de vivir nesta “cidade fermosa” na que os dereitos sociais son de segunda categoría.

Temos dereito a vivir con dignidade, polo que esiximos respostas concretas e que aseguren os recursos suficientes para atender as necesidades básicas de todas as persoas.

Coia, novembro 2014

Autores de opinión
Facebook