11:26 h. Sábado, 22 de Xullo de 2017

Vigo Dixital

Cartas ao director

A Xunta perpetúa a esmola da RISGA nos orzamentos de 2015

VIGO dixital está aberto ás túas opinións. Envía a túa carta ao correo electrónico cartas@vigodixital.com, indicando o teu nome e apelidos e documento de identidade.

Cartas ao director | 25 de Outubro de 2014

  • Por OFICINA DE DEREITOS SOCIAIS - COIA (Vigo)

Hai uns días o goberno da Xunta presentaba o borrador de orzamentos para 2015 que recollen o aumento da partida destinada a RISGA. Dita partida contará cun orzamento inicial de 47´7 millóns de euros, un 12% máis do gastado en 2014 (42´7 millóns de euros).

As manobras da Xunta por tratar de disimular a miseria na que cada día vivimos máis persoas alporízannos, e moito. Mentres eles enchen titulares falando das bondades da súa merda de política social nós padecemos os seus plans de inclusión, de emprego, de vivenda... que lonxe de eliminar a desigualdade e a inxustiza, perpetúan a pobreza ao mesmo tempo que fan medrar os privilexios -e contas bancarias- dunha minoría.

O 1 de xaneiro de 2014 entrou en vigor a nova lei de RISGA, que lonxe de mellorar as condicións de vida das persoas máis empobrecidas engadiu máis problemas para todas as partes implicadas: solicitantes, beneficiarias, servizos sociais dos concellos, consellería... Problemas que chocan cuns responsables que só falan do esforzo que din facer nesta materia, que supuxo: aumento do número de perceptores, crecemento das partidas, redución da diferenza coa media estatal de RISGA por habitante... Uns datos que nin abondan, nin ofrecen solucións á miseria na que viven cada día máis persoas e que fican en papel mollado se os comparamos con estes:

- Atrasos na tramitación en Galiza superiores aos 8 meses.

- Contía media inferior aos 400€/mes (RISGA 2013).

- Un 41% das solicitudes foron denegadas en 2013.*

- No que levamos de 2014 apenas hai solicitudes resoltas das feitas neste ano de entrada en vigor da nova lei.

- A taxa de perceptores de RISGA por habitante é inferior á media estatal, moi lonxe de Euskadi tanto en beneficiarias como en orzamento. Cunha táboa o vemos moi clariño:

E a todo isto hai que sumar máis violencia e control en forma de inspeccións nos domicilios na procura de fraude entre os perceptores. Pois nada, que mexan por nós e din que chove.

Estamos cansas e fartas de tanta miseria, explotación, de sabermos que cando pasen os axustes estruturais as que ficaremos no labirinto da exclusión e da pobreza somos nós.

Non queremos esmolas, precisamos xustiza social! Renda Básica das iguais e moito máis, XA!

Coia, outubro 2014

Máis accións:
Outros autores
Facebook