00:04 h. viernes, 19 de abril de 2024

Caballero ten moito que explicar

| 29 de septiembre de 2014

Mentres se amorean as causas xudiciais que acurralan ao Goberno municipal, as explicacións e respostas por parte do Alcalde son sempre as mesmas: ningunha. "Nada que dicir", "non hai comentarios". Esas son as seis palabras máis repetidas polo máximo responsábel político da cidade cando é cuestionado a respecto das moitas frontes xudiciais contra el e o seu Goberno.

A imputación por un presunto delito de prevaricación do concelleiro Ángel Rivas, un dos homes fortes de Caballero no Goberno local e no PSOE de Vigo, non alterou tampouco ese guión de silencio, que contrasta coa sobreexposición mediática do rexedor. O encausamento xudicial dun edil non só non motivou a súa saída do Goberno municipal. Tampouco mereceu explicación algunha por parte do Alcalde, que desde entón fuxe de se fotografar con Rivas.

Conforme se multiplican as sospeitas, as denuncias e acusacións, máis grave en termos democráticos é o silencio oficial

A sombra da corrupción cérnese con forza sobre a administración municipal. E conforme se multiplican as sospeitas, as denuncias e acusacións, máis grave en termos democráticos é o silencio oficial. Nun momento histórico no que a cidadanía se revolve contra as limitacións da democracia formal representativa, exixindo un papel protagónico e participación efectiva, Caballero amósase xordo e indiferente a ese reclamo, negándose a se someter a unha das máis primarias obrigas dun responsábel público: dar conta do seu desempeño. 

Se ben a presunción de inocencia se perverte as máis das veces en presunción de culpabilidade, o que supón conculcar dereitos de persoas que por seren representantes políticos non son menos cidadás nin cidadáns, o certo é que este debate non se limita ao campo da resolución xudicial. Xa chegarán as sentenzas. Mais entrementres a  Xustiza actúa, coa súa habitual lentitude e fraxilidade, ninguén pode fuxir de asumir as responsabilidades políticas sobre os seus actos e sobre os que consinte doutros.

A saída de Ángel Rivas do Goberno local, voluntaria ou mediante cesamento, non admite discusión por hixiene democrática

Admitindo que se cuestione se Ángel Rivas debe demitir ou non polo feito de estar imputado (ou o que é o mesmo, formalmente acusado e chamado a comparecer polo tribunal, mais non condenado), si o debe facer por responsabilidade política. A súa saída, voluntaria ou mediante cesamento, non admite discusión. Xa que ao marxe de que a "coincidencia" de que un edil do Goberno sexa ao tempo xerente dunha empresa construtora que é subcontratada por varias adxudicatarias de obras municipais, incorra nalgún ilícito penal, certamente é un comportamento ética e democraticamente intolerábel que pon baixo sospeita toda a acción do Goberno da cidade.

Aliás, máis de sete meses despois de que a policía xudicial rexistrase durante horas varias dependencias do Concello dentro da operación anticorrupción "Patos", incluídos os despachos de varios concelleiros do Goberno, o Alcalde inda non foi quen de explicar que procuraba o operativo policial-xudicial nin que contratos ou decisións da administración que dirixe están baixo sospeita. "A máxima colaboración e transparencia" invocada formalmente polo primeiro edil, quedou nunha clamorosa opacidade que multiplica o receo social. 

O silencio debe cesar, para dar paso ás explicacións e a asunción de responsabilidades que transparenten a xestión municipal

As reiteradas acusacións de enchufismo que apuntan a varios concelleiros, a investigación do tribunal de Contas a respecto de irregularidades nas contratacións municipais --incluído o nomeamento do propio Interventor--, as denuncias de conivencia coas principais concesionarias municipais ou a querela da AV de Teis contra o rexedor por inxurias e calumnias, completan --polo momento-- o via crucis xudicial que enfronta o Alcalde e que pola súa omisión fai extensivo á cidade. 

O silencio debe cesar, para dar paso ás explicacións e a asunción de responsabilidades que transparenten a xestión municipal librándonos, á veciñanza, da sombra intolerábel de corrupcións e corruptelas no noso Concello.

 

Autores de opinión
Facebook