01:55 h. Lúns, 23 de Outubro de 2017

Vigo Dixital

Indiferenza municipal fronte a emerxencia social na cidade

Editorial | 15 de Septembro de 2014

Se hai unha prioridade en Vigo, esta debería ser por forza a grave situación de centos de familias traballadoras da cidade. Son máis de 50.000 persoas as que malviven hoxe por baixo o limiar da pobreza na nosa cidade, no límite da súa propia subsistencia. Máis da metade están no paro, boa parte delas desde hai anos. Persoas que non poden afrontar o pago das súas necesidades básicas e que dependen en grande medida de organizacións asistenciais para o facer. Iso, ou viviren directamente en exclusión social.

Son máis de 50.000 as persoas que malviven hoxe por baixo do limiar da pobreza en Vigo

Fronte a isto, a resposta do Concello de Vigo continúa a ser obxectivamente insuficiente, ineficaz e arbitraria. Os servizos sociais municipais están colpasados desde comezos de ano pola falta de persoal, o que provoca importantes retrasos na concesión das axudas que pola súa natureza deberan ser áxiles para atender a urxencia social. Primeiro foron as axudas de emerxencia, cuxa partida para todo o exercicio liquidouse nos primeiros seis meses, con demoras de máis de tres meses e con axudas que non superan os 200 euros.

A outra axuda -o coñecido como cheque social para vivenda, alimentos e gastos- segue o mesmo camiño. O ano pasado, o primeiro que se concedía, demorouse o pago até finais de decembro. Polo menos 1.700 persoas quedaron daquela sen prestación, das 3.000 que a solicitaron e a metade do orzamento quedou sen executar. Este ano o Goberno socialista, xunto ao Partido Popular, decidiu recortar a axuda un 40% a pesar de se demostrar xa insuficiente en 2013.

Todo apunta a que centos de persoas terán que agardar semanas para coñecer se lles aproban a axuda de emerxencia. E outras tantas para cobrala.

Para maquillar os datos, o Concello decidiu impoñer unhas bases máis restritivas, facendo que centos de familias fosen excluídas. Por iso o número de solicitudes reduciuse este ano a pouco máis de 2.000. Aínda así, o caos reina na concellería de Benestar Social, que apura para as resolver antes do mércores, prazo prometido pola súa responsable, Isaura Abelairas. Todo apunta a que centos de persoas, as que aínda lle están a reclamar documentación, terán que agardar semanas para coñecer se lles aproban a axuda. E outras tantas para cobrala.

As persoas e organizacións sociais que denuncian estes casos son continuamente represaliadas --denuncian--, chegando a extremos como romper os papeis dunha axuda por criticar a unha traballora social na prensa. Para evitar o constante colapso, son os propios servizos municipais os que derivan as familias á Igrexa ou organizacións caritativas, sobre as que non existe fiscalización algunha pero que reciben millleiros de euros municipais. 

Estaría ben que o executivo local explicase a que quer destinar os recursos públicos dos que dispón, se non é a atender prioritariamente a situación de emerxencia social que se vive na cidade

Preguntada sobre as razóns dos recortes e os atrasos a concelleira Abelairas limítase a alegar que facían máis do que lles corresponde. Ben é certo que o Concello non ten competencias específicas en materia social, que dependen da Xunta. Mais en todo caso --e ao marxe da clamorosa insuficiencia das políticas sociais do Goberno autonómico-- estaría ben que o executivo local explicase a que quer destinar os recursos públicos dos que dispón, provenientes na achega impositiva da veciñanza viguesa, se non é a atender prioritariamente a situación de emerxencia social que se vive na cidade. Malia que estas accións non se presten a pomposas inauguracións nin á fotoxenia electoralista.

O anuncio grandilocuente dos actuais orzamentos como “os máis sociais da historia de Vigo” roza o cinismo, toda vez constátase unha e outra vez que as súas prioridades están moi lonxe das necesidades reais da cidadanía viguesa. Lembra aqueloutra promesa de Abel Caballero de que Vigo sería unha cidade libre de desafiuzamentos, cando cada mes coñecemos un novo caso. Ou as becas comedor que centos de familias, como o ano pasado, non recibirán este comezo de curso escolar, inda que o alcalde anunciara que ningún neno quedaría sen ela. Ou as escolas infantís municipais, das que ficaron  sen praza este ano o dobre de crianzas das que a conseguiron. Ou o programa Sereos, que desaparece pouco a pouco nunha furgoneta que nada ten a ver co programa orixinal. 

A indiferenza demostrada  fronte a situación que atravesan os sectores máis empobrecidos da cidade, combinada coa arrogancia política do Goberno municipal --incapaz de asumir crítica algunha e inda menos rectificar-- confirma a total falla de sensibilidade dos seus responsábeis para alén da propaganda.

 

Más acciones:
Otras editoriales
Otros autores
Facebook