23:43 h. Vernes, 22 de Septembro de 2017

Vigo Dixital

Manuel Bragado

Caballero e a rotonda de Coia

Editor, Director de Edicións Xerais de Galicia.

Manuel Bragado | 19 de Decembro de 2014

O conflito veciñal da rotonda de Coia ameaza con estragar o que semellaba unha tranquila maioría absoluta que procura o alcalde Abel Caballero. Fracasa en Coia o seu modelo de cidade ornamental (que nestas datas de nadal chegou a súa máxima expresión coa exitosa árbore do Sireno), fronte a un veteranísimo movemento veciñal que denuncia o despilfarro dunha obra innecesaria e reclama que os 300.000 euros do custe da rotonda sexan destinados a politicas sociais nun barrio onde viven 30.000 mil persoas, das que un número importante viven no bordo da pobreza. 

Fracasa en Coia o modelo de cidade ornamental de Caballero

Teimar en chantar alí o Bernardo Alfageme, cando debería aboiar dende hai anos nos peiraos do Museo do Mar de Alcabre, constitúe unha torpeza de vulto no desenvolvemento do planeamento, ao tempo que pon en evidencia o rotundo fracaso da política municipal de conservación dunha peza moi valiosa do noso patrimonio industrial. Como tamén é inxustificable acusar aos opositores veciñais de monicreques dunha protesta argallada por partidos nacionalistas de esquerda. 

Abel Caballero debería ser consciente que nunha cidade con máis de 30.000 desempregados as politicas sociais teñen que ser a principal prioridade dos poderes públicos. Tras dous mandatos non abonda con xustificar o custoso arranxo de beiravías e prazas co argumento tantas veces repetido de ser «medidas keynesianas» creadoras de emprego. A veciñanza de Coia precisa outras respostas.

 

Artigo tirado do blogue do autor, bretemas.gal, baixo licenza cc by-nc.

Máis accións:
Outras opinións Manuel Bragado
Outros autores
Facebook