21:08 h. Vernes, 17 de Novembro de 2017

Vigo Dixital

CONFLITO NA ROTONDA

Un amplo dispositivo policial volve desaloxar pola forza a rotonda de Coia

Unha persoa foi detida e 24 identificadas despois de que o colectivo veciñal conseguira entrar a primeira hora da mañá de onte na redonda. [Vídeo no interior]

Redacción | @VigoDixital  |  08 de Xaneiro de 2015 (07:24 h.)
Más acciones:

[Foto de capa e vídeo: Roberto Solano]

Recuperar a rotonda. A última xornada de loita veciñal en Coia rematara coa expulsión dos concentrados, tras varias semanas de resistencia, e o posterior valado do perímetro da redonda de Castelao. Máis dunha vintena de veciñas e veciños conseguiu sortear a permanente vixianza policial, cerca das 7 horas da mañá de onte, e entrar no interior da rotonda. A ocupación durou cerca dunha hora, cando foron desaloxados pola forza por un amplo dispositivo policial.

Os axentes identificaron a 24 persoas e unha delas foi detida por un presunto atentado contra a autoridade, durante un forcexeo entre a Policía e o colectivo veciñal. Testemuñas directas aseguran que non existiu agresión, mais a Policía local informou de que un dos seus axentes está ferido. A persoa detida foi posta en liberdade varias horas logo de declarar en dependencias policiais. Trátase do segundo veciño detido durante o conflito veciñal.

O dispositivo policial, con até 40 axentes, rodeou a rotonda e as súas inmediacións. Estaban presentes todos os efectivos dispoñíbeis da Policía Local, como ocorreu nos últimos episodios en Coia. Cando a veciñanza abandonou a rotonda, disolveuse o dispositivo, malia que se mantén a presenza de tres unidades que vixían a rotonda. Os axentes tomaron ademais fotografías de todos os presentes e da veciñanza que mostraba o seu apoio desde as vivendas próximas.

Poucos minutos despois, os operarios comezaron a atar o valado para impedir que a veciñanza volva a entrar na rotonda. Tamén colocaron numerosos carteis do Concello de Vigo, habituais nas obras que impulsa o goberno municipal. A asemblea veciñal reuniuse posteriormente para decidir novas accións, co fin de evitar que se reinicien as obras para instalar o Bernardo Alfageme.

Detido

Segundo puido saber VIGO dixital o veciño detido enfrontará esta mañá un xuízo rápido, malia que a súa defensa solicitará un proceo normal para poder achegar testemuñas e vídeos que demostran a súa inocencia.

A pena de prisión que podería enfrontar é de 3 anos de prisión por unha presunta agresión. Fontes consultadas apuntan que o atestado policial non se axusta á realidade do acontecido. "Mesmo chegan a dicir que o desaloxo foi pacífico e que se abandonou a rotonda sen resistencia" explican. 

Ás 11:15h está convocada unha concentración veciñal de solidariedade diante dos xulgados.