02:28 h. martes, 19 de marzo de 2024

CIDADE CON HISTORIA

O xacemento romano de Areal-Rosalía de Castro

Eduardo Rodríguez Saíz | Historiador e arqueólogo  |  02 de enero de 2015 (20:13 h.)

Encetamos a pescuda nas orixes da cidade nun céntrico xacemento que sería fundamental para o posterior desenvolvemento de Vigo, e que testemuña até que punto a nosa cidade nace do mar.

Non é necesario que viaxemos a Exipto ou a Atapuerca para ver arqueólogos traballando, ou para poder apreciar un xacemento arqueolóxico de primeira magnitude: na nosa cidade existe, e está no subsolo da rúa Areal e doutras rúas adxacentes.

Baixo as beirarrúas e o asfalto están soterrados varios séculos de historia de Vigo cando aínda non era Vigo, senón Vicus Aeleni ou ben Búrbida -segundo unha proposta recentemente formulada-. O nome de Vicus Spacorum xa quedou definitivamente arrecunchado nunha gabeta da investigación, ao igual que pasara décadas atrás co Lámbrica proposto por varios historiadores a partir do século XVI.

Baixo as beirarrúas e o asfalto están soterrados varios séculos de historia de Vigo

De todos xeitos da igual o nome, o importante é a realidade que se agocha tras el. Deixemos voar a imaxinación e albisquemos o actual Areal como unha enseada que acolleu unha gran industria da salga de peixe no primeiro século da nosa Era, e logo viu desenvolverse un florecente porto moitos séculos antes de que existise a Autoridade Portuaria de Vigo. Pero vaiamos por partes.

Temos que pensar no subsolo das nosas cidades como nun gran pastel formado por varias capas de ingredientes dispostos de xeito horizontal que se superpoñen. Cada unha desas faixas (na realidade capas de terra) chámase estrato, e son a testemuña muda das diferentes etapas da historia: o estrato máis antigo é o máis profundo, e o máis superficial o máis moderno. Así conseguimos ordenar os sucesos históricos en arqueoloxía.

No xacemento de Areal, o estrato máis antigo é dos séculos II-I a.C

No xacemento de Areal, o estrato máis antigo é dos séculos II-I a.C. Esta zona da cidade era un porto natural no cal os barcos dos comerciantes romanos fondeaban para trocar as súas mercadorías cos habitantes da bisbarra (a gran cantidade de restos romanos no Castro de Vigo é unha proba irrefutable destes intercambios), antes de que existise ningunha industria ou zona de hábitat. Como pasou moitas veces no decurso da Historia, os mercadores foron os pioneiros do contacto entre culturas.

Pasaron os séculos, e na segunda metade do século I d.C. ou aos inicios do II, constrúese un gran complexo de salinas de evaporación solar (temos un pequeno anaco visitable nos sotos do centro de saúde de Rosalía de Castro). Preto delas, existía unha industria de salga de peixe, segundo os restos atopados na rúa Marqués de Valladares ou na Praza de Compostela. As salinas e as cubetas de salga nos falan da existencia dunha industria de salga e conserva de peixe, adiantándose en moitos séculos aos empresarios cataláns que no século XIX impulsaron a industria conserveira da nosa cidade.

As salinas e as cubetas de salga nos falan da existencia dunha industria de salga e conserva de peixe moito antes da industria conserveira do século XIX

Posiblemente por cambios no nivel do mar (as investigacións demostran que houbo unha regresión da liña de costa que inutilizaría as salinas), esta próspera industria abandónase a finais do século III d.C. O espazo que ata ese momento era industrial, transfórmase en habitacional. Xorde un pequeno núcleo de poboación (o xermolo do Vicus) onde a xente non só vivía, senón que tamén morría: así, nas escavacións arqueolóxicas, nos estratos datados do século IV d.C. en adiante se atopan restos de vivendas e dunha necrópole centralizada en torno ás rúas Hospital (actualmente Inés Pérez de Ceta) e Pontevedra. Nesta última é onde tivo lugar o famoso achado dun bo número de estelas funerarias no ano 1953, actualmente expostas no museo de Castrelos.

Este núcleo de poboación, conforme vai esquecendo o seu pasado industrial vinculado á salga de peixe, vaise fornecendo como un importante porto comercial cunha gran actividade ata o século VII d.C. (xa en época altomedieval). É común que nas intervencións arqueolóxicas na zona aparezan restos cerámicos con orixe en Chipre, Siria ou Asia Menor, testemuñas de barcos chegados de afastados lugares do Mediterráneo cargados de bens de luxo, viños orientais, aceites e quizais pedra alume (usada na medicina e para o tratamento de peles e panos). Pero o porto de Vigo non era só importador, tamén sería exportador: aínda non desaparecera o vello comercio do estaño, ao que habería que sumar o de madeiras, curtidos e quizais escravos.

Este núcleo foi un importante porto comercial cunha gran actividade ata o século VII d.C.

Na segunda metade do VII d.C., e dun xeito bastante abrupto, chega o colapso deste florecente porto. Estamos nunha época de profundos cambios a nivel local e global, deixando xa definitivamente atrás as estruturas da Antigüidade e Tardoantigüidade, para dar paso a un novo mundo: a Idade Media.
A nivel local, un cambio político fundamental é a incorporación da Gallaecia sueva ao reino visigodo de Toledo. E se abrimos máis o foco, vemos como o imperio islámico entra en escena no Mediterráneo, conquistando os portos de orixe de moitas mercadorías que chegaban ás nosas costas ata ese momento: dende Asia Menor ata Hispania substitúense as vellas estruturas socioeconómicas polas novas de orixe árabe.

Aquel florecente poboamento aglutinado en torno á rúa Areal entrará nunha fase de retraemento e abandono da que non sairá ata moitos anos despois, aínda que nin no mesmo lugar nin co mesmo nome: varios séculos máis tarde, en torno ao Berbés, artellarase o xerme do Vigo que crecerá e chegará ata os nosos días.

 

Índice de ilustracións

- 1: Tumba infantil descuberta nunha parcela da rúa Oporto.
- 2: Fragmento de fondo de prato, decorado cunha cruz, de orixe africana. Século VI d.C.
- 3: Fragmento de xerra. Século III ou IV d.C.