23:43 h. Vernes, 22 de Septembro de 2017

Vigo Dixital

SOSPEITAS

A empresa que instala o Bernardo Alfageme, relacionada co caso formigón e outros casos de corrupción

A constructora Civis Global, antes denominada Movexvial, foi a máis beneficiada no pasado polos fondos do Plan E, mentres que este ano lle foi adxudicada a obra estrela do segundo mandato de Caballero, o complexo deportivo de Navia, e as escaleiras mecánicas de II República.

Redacción | @VigoDixital  |  11 de Decembro de 2014 (11:03 h.)
Máis accións:

A oposición veciñal faise forte na rotonda de Castelao. Cúmprese o séptimo día de resistencia contra a instalación do Bernardo Alfageme en Coia e os operarios apenas tiveron ocasión para avanzar as obras. Durante as últimas dúas xornadas nin sequera apareceron, despois de que os descubriran traballando de noite.

 Dende EU e BNG denuncian a opacidade do proxecto, do que non existe expediente

Unha situación que agora estuda a CIG, ante un posíbel incumprimento do convenio provincial. Non é a única sospeita sobre a polémica obra. Dende EU e BNG denuncian a opacidade do proxecto, do que non existe expediente, e que foi rexeitado en pleno cos votos dos nacionalistas e do PP. O único que se coñece do contrato é a empresa adxudicataria, Civis Global SL, á vista dos materiais e do persoal que traballa na obra. 

Quen é Civis Global SL?

Civis Global SL é a nova denominación que adoptou a empresa Movexvial

A constructora Civis Global SL é a nova denominación que adoptou a empresa Movexvial, despois de que ser condenada por delitos fiscais na trama das 5 Jotas, a maior operación de fraude con facturas falsas de Galiza.

Os responsábeis da trama aseguraron ante o xuiz que Movexvial utilizaba as facturas falsas para branquear cartos destinados a sobornos a políticos. Un acordo coa Fiscalía permitiu o cambio de nome por Civis Global SL en 2012. Malia a sentencia en contra e o cambio de denominación social, mantivo unha boa relación co goberno municipal de Vigo.

Plan E e caso formigón    

Non é a única causa aberta sobre Movexvial, da que se investigan os seus nexos co caso formigón, no que se mantén imputado o concelleiro Ángel Rivas. A xustiza investiga varios expedientes de humanizacións que se saltaron presuntamente o proceso administrativo, e que foron pagados mediante un recoñecemento extraxudicial de crédito con carácter de urxencia. Movexvial foi de feito a empresa máis beneficiada dos fondos do Plan E

Adxudícase as ‘mellores’ obras de 2014

Pese a todo, Civis Global SL remata o ano con dous contratos de envergadura , adxudicados polo goberno municipal, que se suman á rotonda de Castelao e a outros traballos menores. Entre eles, a obra estrela do segundo mandato de Caballero, o complexo deportivo en Navia, por 8,8 millóns de euros, ou as escaleiras mecánicas da rúa II República, que superara cando se remate o millón de euros. O importe da obra en Coia se descoñece, máis os opositores estiman que rondará como mínimo os 600.000 euros.

Denuncias na Coruña

Onde si ten aberta unha causa recente Civis Global é na cidade da Coruña, onde o xulgado de Instrucción 4 admitiu a trámite unha querela criminal por supostas ilegalidades urbanísticas. Foi presentada por un colectivo veciñal, Somos Maioría, que denuncia irregularidades nas obras do túnel da Marina, en pleno centro da cidade herculina, e obra estrela do goberno municipal do PP. O proxecto foi adxudicado a unha UTE formada por Civis Global e Copasa por 10,8 millóns de euros, cuxos técnicos terán que testemuñar.