17:17 h. Lunes, 11 de Diciembre de 2017

Vigo Dixital

O SECTOR NAVAL NON REPUNTA DA SÚA INACTIVIDADE

Pemex incumpre os seus compromisos con Barreras, que traballa baixo mínimos

A compañía mexicana saca a concurso público tres buques tanque que prometera adxudicar ao estaleiro vigués. 

Redacción | @VigoDixital  |  10 de Septiembre de 2014 (18:38 h.)
Más acciones:

Barreras mantén a actividade en mínimos [Imaxe:CIG]
Barreras mantén a actividade en mínimos [Imaxe:CIG]

Pasaron dez meses dende a venda de Hijos de J. Barreras á compañía paraestatal mexicana Pemex. Os directivos da multinacional prometeran entón carga de traballo para o estaleiro vigués, como parte do acordo no que mediou a Xunta. En total comprometéranse a firmar cinco contratos, dos cales polo momento só está en marcha un flotel.

E igual que ocorrera co flotel, Barreras terá que competir con estaleiros de todo o mundo para facerse con novos pedidos. Pemex vén de anunciar a licitación pública de tres buques tanque de baixo calado, a pesar de que estaba previsto que se adxudicaran directamente á empresa viguesa. 

De feito, directivos de Pemex xunto ao propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, presentaran estas contratacións en decembro de 2013. Tampouco se sabe nada do atuneiro asinado e dos dous remolcadores que hai dous anos deran comezo ás negociacións para a venda do estaleiro vigués.   

Non se creou emprego

O sector naval da cidade móstrase contrariado ante os continuos incumprimentos de Pemex. A falta de carga de traballo faise evidente na creación de emprego. A patronal do metal Asime (que representa as empresas auxiliares) asegura que nos últimos meses creáronse só 260 empregos en todo o naval galego, fronte aos 1.400 que prometera a Xunta logo do acordo con Pemex.

No caso de Barreras, son pouco máis dun centenar de traballadores os que constrúen “a un ritmo moi lento” o flotel dende hai dous meses. Está previsto que existan picos durante a obra onde se cheguen até os 500 operarios e operarias, pero de maneira puntual. “Un estaleiro cun só barco non ten futuro, o que se necesita é carga de traballo estable”, apunta o representante da CIG para o sector, César Rodríguez.

“Estase centrando e mediatizando todo en Pemex cando a realidade do sector é que ningún estaleiro conseguiu contratar no último ano co novo sistema de tax lease”, incide Rodríguez. Asegura que o impacto da empresa mexicana foi mínimo polo momento e que nestes momentos non existe constancia dunha viabilidade nin para Barreras nin para o naval vigués.