Imprimir

Folga en Cespa ante as 'manobras' do Concello para lle quitar a concesión

Redacción | @VigoDixital | 31 de octubre de 2014

Protesta do persoal de Cespa no Concello de Vigo

O persoal da concesionaria denuncia opacidade no novo concurso, con cláusulas que permiten subcontratar a metade do servizo e que non aseguran a continuidade dos e das operarias.

Os problemas acumúlanselle ao concelleiro Ángel Rivas. Se hai poucos días tivo que declarar como imputado por prevaricación e negociacións prohibidas no ‘Caso Formigón’, un novo capítulo da Operación Patos pono outra vez no punto de mira.

A última fronte vén de se lle abrir no servizo de parques e xardíns. As e os 109 traballadores de Cespa, empresa concesionaria durante a última década, anunciaron unha folga indefinida a partir do 10 de novembroDenuncian que Rivas se nega a recibilos para dar explicacións. O luns estiveron presentes nun pleno que foi movido e dende entón cada mañá maniféstanse nas portas do consistorio vigués.

Denuncian que o Concello estaría a manobrar en segredo para lle retirar a concesión a Cespa, logo das investigacións que apuntan a unha presunta rede de enchufes entre Concello e concesionaria.

O propio Rivas firmou o prego de condicións para buscar nova concesionaria. O texto foi aprobado o 26 de setembro polo goberno municipal, que non o fixo público. O persoal cre que algúns puntos das novas condicións non están claros, entre eles a cláusula que permite subcontratar a metade do servizo. 

Dende a CIG consideran sospeitoso que o prego recolla unha listaxe de operarios e operarias de 2013, que non foi actualizada

Despedimentos

Desde a CIG consideran sospeitoso que o prego recolla unha listaxe de operarios e operarias de 2013, que non foi actualizada, e que vai firmada por un dos tres despedidos por Cespa por estar supostamente implicados na Operación Patos. O persoal teme despedimentos e peores condicións laborais polo que piden que se fixe claramente a subrogación de todas e todos os traballadores.

A nova concesión durará catro anos, con opción a dous máis de prórroga, a cambio dun canon de seis millóns de euros anuais. En total, a cantidade final elévase até os 31 millóns. O importe é superior ao actual, mais non así a duración. Cespa xestiona o servizo dende 2005 e o seu contrato remata o 30 de abril de 2015, tres semanas antes das eleccións municipais, logo de ser prorrogado outro ano polo Concello dous meses despois de estoupar a Operación Patos. 

Puede ver este artículo en la siguitente dirección http://vigodixital.opennemas.com/articulo/traballo/folga-cespa-manobras-do-concello-quitarlle-concesion/20141031191836000670.html

Vigo Dixital
© 2019 Vigo Dixital

VIGO dixital | Información local ao servizo da veciñanza
>Na Rede desde o 1 de setembro de 2014


     
Desarrollado por Openhost con:      
OpenNeMaS CMS OpenHost S.L. Opennemas CMS