07:28 h. viernes, 26 de abril de 2024

XUSTIZA

Os xulgados de Vigo continuarán desbordados pola falla de acordo para a Cidade da Xustiza

Redacción | @VigoDixital  |  03 de noviembre de 2014 (10:33 h.)

Máis da metade dos xulgados da cidade teñen unha carga de traballo “escandalosa”, segundo denuncia a plataforma SOS Xustiza, pola falta de persoal e instalacións.

Os casos amoréanse nos xulgados de Vigo, saturados dende hai anos. Nos edificios da rúa Lalín e da Audiencia son xa habituais os arquivos improvisados nos corredores, con expedientes en cada recuncho, ante a evidente falta de espazo. 

A unhas instalacións deficientes e insuficientes, segundo denuncia a plataforma SOS Xustiza, únese a falla de persoal. A sobrecarga de traballo atinxe xa a máis da metade dos xulgados da cidade. Algúns traballan por riba do 200%, como o Xulgado de Primeira Instancia número 3 de Vigo, o terceiro máis saturado de Galiza.

Baixas e vacantes por xubilación que non se cubren e provocan “índices de carga de traballo escandalosos”. As consecuencias son xuizos que tardan anos en se celebrar e sentenzas que non chegan a executarse. Tamén acaba por provocar numerosas baixas entre o funcionariado, forzado a traballar en condicións de elevado estrés.

Entre os tribunais con máis casos

A acumulación é especialmente grave nos xulgados do Social e de Familia, onde os atrasos agravan situacións xa críticas. “A precariedade do persoal dos xulgados é insufríbel e nalgúns casos insalubre”, critican dende SOS Xustiza. Tamén se deixou notar nos xulgados mercantís, síntoma do aumento dos desafiuzamentos nos últimos anos.

Cada ano tramítanse 84.000 novos casos e dítanse máis de 90.000 resolucións. 

Vigo está entre os tribunais con maior volume de casos do Estado español. Cada ano tramítanse 84.000 novos casos e dítanse máis de 90.000 resolucións. Dende a plataforma apuntan a que o partido xudicial de Vigo recada o 70% das taxas en toda a provincia, cifra que contrasta co escaso investimento institucional.

Sen acordo por segundo ano

Reclaman que se cumpran os compromisos feitos pola Xunta e o Concello, peticións entre as que destaca a Cidade da Xustiza. Un proxecto que se demorará como mínimo para alén de 2015, ante o desacordo mostrado nos últimos días por PSOE e PP.

 A Xunta deixou sen aprobar a partida a expensas de que o consistorio vigués expropie as parcelas.

Malia ser unha das presuntas chaves do acordo para os orzamentos municipais, ambas as dúas formacións marcan tres meses distancias. Por segundo ano, a Xunta deixou sen aprobar a partida a expensas de que o consistorio vigués expropie as parcelas. Feito que levou á voceira do BNG local, Iolanda Veloso, a cualificar de “fraude” con “fins electoralistas” o acordo orzamentario subscrito hai apenas semanas entre as dúas grandes forzas.