20:47 h. Lunes, 20 de Noviembre de 2017

Vigo Dixital

Cristian López

A culpa é nosa por ser pobres

Xornalista e fotógrafo independente. XI Premio de Xornalismo Johán Carballeira.

Cristian López | 23 de Enero de 2015

Se tes a mala sorte de caer enfermo estos días, e tes que esperar no corredor dun hospital durante horas, non esquezas que a culpa é túa. Ninguén te dixo que enfermaras agora, que hai moita gripe e esas cousas nada previsibles. Esa teima tan nosa de escoller sempre o peor momento, señora conselleira. A culpa non é dos recortes, mal que lle pese a algúns. Ben sabemos o esforzo do seu goberno por facer un novo hospital en Vigo. Algúns din, ignorantes eles, que vai custar tres veces máis que no proxecto inicial. Coño, de facelo, facelo ben, que ninguén diga despois que a Xunta escatima en gastos. Outros que se que vai a ser privado, cando está demostrado que o millor modelo é o de Povisa. ‘Concertazo’ e todos contentos. Inda por riba lle piden explicacións, como se vostede tivera algo que ver con que despidan a xente, que bastante ten con evitar que o Meixoeiro e o Xeral se veñan abaixo. O persoal non teme perder o traballo, que o di De Guindos que sabe moito de economía, teme que lle veña abaixo o hospital por culpa de tanta folga.

O renacentismo está pasado de moda, o futuro está no rotocentismo e, por suposto, nas escaleiras mecánicas

Sempre podes non ter teito, así que deberías dar grazas por ter un emprego. E no caso de que termines na rúa, non te preocupes, que tes un albergue a túa disposición. Se resulta que despois dun días te botan, ou que está cheo, xa sabes, a culpa é túa. Ninguén te dixo que foras pobre. Se o final decides durmir nun caixeiro ou nunha casa en ruinas, tampouco é para tanto. No fondo tes un teito. Que un día pode caerte enriba, si, pero iso en tal caso é culpa da Xunta, que discrimina a Vigo, ou túa, segundo te conveña. Protestan por todo señor alcalde, cando vostede só intenta humanizalos. Se non fora polo seu talante dadivoso estaríamos como no resto do país, sumidos nunha profunda emerxencia social. Pero a vostede non se lle escapa nada, e fixo unhas políticas tan keynesianas que a crise pasou de longo por Vigo. Ninguén pasa fame nin frío, que para iso temos os presupostos máis sociais da historia. Tantos cartos que as traballadoras sociais non dan feito para repartilos, e por iso protestan. Algúns se poñen nerviosos porque tardan uns meses de nada en tramitalas, pero esos son os que logo gastan todo nunha tele de plasma. E como non lles da os cartos, se plantan nunha rotonda que vai ser un dos maiores reclamos turísticos de Europa. O renacentismo está pasado de moda, o futuro está no rotocentismo e, por suposto, nas escaleiras mecánicas. Poucas multas levaron esos radicais, que non queren un Vigo fermoso, pola gracia da súa indulxencia e humildade.
 
O dito, que a culpa é nosa, que non apreciamos o esforzo dos nosos gobernantes.  

 

Más acciones:
Otras opiniones
Otros autores
Facebook