18:50 h. Lunes, 19 de Noviembre de 2018

Vigo Dixital

Derrubar a cruz fascista para erguermos a memoria

Editorial | 08 de Septiembre de 2014

É difícil explicar  que un monumento de 12 metros erixido a proposta da Falange para honrar aos caídos do franquismo, e no que se celebraban actos de axitación fascista cada 20 de novembro, continúe a coroar a ladeira do Monte do Castro, no corazón da nosa cidade. A cruz do Castro cumprirá o día 14 deste mes, cincuenta e tres anos en pé. A meirande parte destes, trinta e sete, xa baixo o actual réxime democrático.  Por fortuna, e grazas á loita social liderada pola Asociación Viguesa pola Memoria  Histórica do 36, pode que este sexa o seu derradeiro aniversario. 

A sentenza ditada o pasado día 4 polo xulgado número 2 de Vigo que mandata ao Concello de Vigo a súa demolición (e da que VIGO dixital, con apenas uns días de vida, foi o primeiro medio en informar), pon a cidade diante do espello e singularmente ás sucesivas corporacións municipais que quixeron crer que a potente carga simbólica do monumento podía modificarse apenas cun acordo plenario de 1981. Só o BNG defendeu en varias ocasións no salón de Plenos, sen éxito pola oposición de PSOE e PP, a necesidade de a derrubar como primeiro paso para dignificar ás vítimas do que -en realidade- sucedeu entre 1936 e 1939, e sobre todo, entre 1939 e 1975. 

A sentenza confirma que en realidade a cruz nunca deixou de simbolizar a exaltación do golpe militar e da posterior ditadura

A posición do actual Goberno municipal, malia estar sostido pola mesma forza política que impulsou en 2006 a valente lei de memoria histórica, foi a de defender que na cruz "gamada" do Castro --como a denominan desde os colectivos pola recuperación da memoria histórica-- cabía homenaxe tanto a vitimarios (fascistas) como a vítimas. A sentenza do xuíz Antonio Martínez Quintanar, confirma que en realidade esta nunca deixou de simbolizar a exaltación do golpe militar e da posterior ditadura, na antítese da presunta mensaxe de reconciliación que algúns -con máis cinismo que percepción- din ver nela.

A actitude do Concello durante os seis últimos anos, nos que o reclamo de retirada cobrou maior vigor, non deixará en bo lugar para a Historia aos seus protragonistas. Na hemeroteca quedan as xustificacións delirantes, e sobre todo o silencio e os deliberados atrancos para frear a iniciativa social que pretendía actuar fronte o desleixo institucional. 

Abel Caballero ten na sentenza unha oportunidade para a emenda

Para alén da sólida e rigorosa argumentación que fundamenta o fallo xudicial, a retirada da cruz do Castro é en si propio un acto de xustiza histórica, que nos permitirá como cidade abandonar de vez a amnesia simulada que ofende as vítimas do golpe militar e de catro décadas de ditadura fascista.  

Abel Caballero ten na sentenza unha oportunidade para a emenda. Non hai encrucillada que resolver, como afirma hoxe erradamente algunha cabeceira local. Só cabe un camiño para repararmos o dano feito por tantos anos ollando para outro lado: acatar o mandato xudicial e proceder de inmediato a desmontar eses 12 metros de indignidade.Non facelo será teimar no agravio humillante ás vítimas do franquismo e os e as súas descendentes, facendo o xogo aos grupos de extrema dereita que nas últimas horas lanzaron unha campaña de sinaturas para que lle reclamar ao Alcalde que recorra o fallo para que todo fique como estaba. 

Más acciones:
Otros autores
Facebook