01:47 h. Lúns, 23 de Outubro de 2017

Vigo Dixital

Manuel Bragado

Agustín ao Nóbel

Editor, Director de Edicións Xerais de Galicia.

Manuel Bragado | 17 de Febreiro de 2015

Chamoume a atención o escaso eco que onte tivo nos medios a candidatura de Agustín Fernández Paz ao premio Nóbel de literatura presentada pola AELG. O nome do autor de Contos por palabras engádese aos de X.L. Méndez Ferrín e Luz Pozo Garza na nómina das candidaturas da literatura galega ao premio que outorga a Academia Sueca cada ano a comezos do mes de outubro.

Agustín é o noso autor infantil e xuvenil máis coñecido, traducido e premiado internacionalmente

Sen dúbida, Agustín é o noso autor infantil e xuvenil máis coñecido, traducido e premiado internacionalmente, tanto polo número das súas traducións como polo feito de ter recibido o premio Iberoamerciano e ser candidato en numerosas ocasións aos premios Astrid Lindgren e Andersen. O feito de que agora sexa presentado tamén como candidato ao Nóbel supón un fito extraordinario na súa traxectoria autoral.

En todo caso, sei que alleo a todas estas cuestións, Agustín Fernández Paz continúa traballando arreo na soidade do seu estudio para ofrecer novas e mellores entregas aos seus lectores e lectoras de todo o mundo. A comezos de mes de abril, con motivo do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, en Xerais publicaremos na colección Fóra de Xogo A neve interminable, un libro de intriga que coincide co vinte aniversario de Cartas de inverno. Antes do verán está prevista a publicación d’ O misterio da Illa Negra, un volume para a serie de 8 anos en diante da colección Sopa de Libros, no que colabora co seu amigo Miguelanxo Prado, outros dos nosos grandes internacionais.

Parabéns a Agustín e gratitude aos responsables da AELG por preparar tan importante candidatura.

 

Artigo tirado do blogue do autor, bretemas.gal, baixo licenza cc by-nc.

Más acciones:
Otras opiniones
Otros autores
Facebook