23:39 h. Vernes, 22 de Septembro de 2017

Vigo Dixital

AFOUTEZA CELESTE

Asasinato fascista

Silvia B.P. | @SilviaBP10  |  02 de Decembro de 2014 (00:02 h.)
Máis accións:

[Imaxe: Colchonero.com]
[Imaxe: Colchonero.com]

Iso é exactamente o que pasou o domingo en Madrid. Non é unha opinión, é un feito, un dato obxectivo. O deber dos medios de comunicación debería ser informar do sucedido. Porén as dúas palabras que titulan este artigo serán obviadas por eles. Funcionan como altofalantes da propaganda oficial. Hai tempo que deixaron de comunicar.

A banda asasina denominada Frente Atlético agardou a chegada dos autobuses onde viaxaban os Riazor Blues. A desigualdade na loita foi tan evidente que resulta imposíbel falar de pelexa. Uns atacaron, outros tentaron defenderse. Os primeiros duplicaban en número aos segundos. Navallas contra paus. Unha persoa asasinada e varias apuñaladas.

O balón comezou a rodar cunha persoa clinicamente morta. O partido da indecencia.

 

O sucedido deixou en evidencia a gangrena do fútbol negocio e a impunidade coa que actúa o fascismo no mesmo. Os seareiros galegos foron enviados de volta nos seus autobuses ao tempo que o Frente Atlético entraba no seu estadio coas mans cheas de sangue (por segunda vez). O balón comezou a rodar cunha persoa clinicamente morta. O partido da indecencia.

Por activa ou por pasiva, hai demasiadas persoas salpicadas de sangue. Desde os palcos dos estadios até as poltronas da Liga e da Federación. O miserábel de Tebas, ex militante de Fuerza Nueva, tomounos por perfectos idiotas intentando convencernos de que o partido non foi suspendido por que ninguén respostou o teléfono. Si claro. Acto seguido insultou ao asasinado indicando “que non era unha persoa normal”. Noxo.

O Frente Atlético é unha banda criminal e fascista apoiada e protexida polo seu clube e pola policía española

 

O Frente Atlético é unha banda criminal e fascista apoiada e protexida polo seu clube e pola policía española. Cerezo facilita o seu financiamento, Miguel Angel Gil mira para outro lado, Futre anima entre eles como un máis, Koke celebra títulos con bufandas con simboloxía nazi (é o único que despois pediu perdón), Gabi, Cholo... Todos cómplices da banda criminal que berra “vascos, vascos, vascos, hemos venido a acuchillaros el resultado nos da igual” e piden a liberdade do asasino de Aitor Zabaleta.

Lembro como estes delincuentes baixaron Manuel de Castro na eliminatoria copera ante o Celta. Protexidos pola policía no seu camiño de insultos e destrución. Un seareiro celeste coa cabeza aberta por unha pedrada. Os nazis na bancada de Balaídos. A pasada xornada intimidaron a un autobús de malaguistas.

Quen viaxamos co noso equipo coñecemos perfectamente o trato denigrante que sufrimos en Madrid. O fascismo actúa con total impunidade mentres a policía está moi ocupada en censurar as nosas estreleiras. Din que a bandeira galega coa estrela vermella incita a violencia. Ese debe ser o problema do fútbol, a nosa bandeira e a piratería.

Segunto asasinato do Frente Atlético. Ninguén fala de expulsalos do Calderón. Sigamos mirando para outro lado.