21:01 h. Vernes, 18 de Agosto de 2017

Vigo Dixital

CIDADE POR COÑECER

Muíño Novo (Zamáns)

Outravolta o noso percorrido polo Vigo que cómpre coñecermos lévanos a Zamáns. Desta vez para visitar un dos seus moitos muíños, por onde amais de auga transita un pedazo da nosa historia viva.

Xosé Couñago | Patrimonio Cultural de Vigo  |  01 de Novembro de 2014 (11:43 h.)
Máis accións:

Localización

(Ver en Google Maps)

Zamáns é unha das poucas parroquias de Vigo que aínda conta co privilexio de gozar de catalogacións puramente de hábitat rural. Iso non vai en detrimento de configurarse en modelos habitacionais que contan coas máis actuais prestacións de comunicacións e comodidades: vivir coas vantaxes do rural tan preto das vantaxes dunha zona urbana.

A uns escasos centos de metros do centro parroquial de Zamáns está o encoro que subministra auga a Vigo no que podemos gozar dun paseo sorprendente polas súas marxes, contemplando unha gran variedade de fauna e flora de ribeira, ao longo dun paseo deleitador para a tranquilidade.

No descenso do río de Vilaza cara ao encoro, polas dúas beiras, agrúpanse unha serie de muíños recuperados mercé a intervención e empeño da Asociación Veciñal e a Comunidade de Montes.

Chegar ata este lugar de privilexiada etnografía é moi doado; abonda con dirixirse ata o centro parroquial, no campo da feira, e descender pola estrada de Vilaverde. Ao que cheguedes á altura do río, baixades pola súa beira abaixo e alí atopades un gran pradal con cinco muíños bordeando o río.

Forma parte da Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo, que podedes descargar no voso navegador GPS.

Descrición

Imos desenvolver agora a descrición do segundo dos muíños que se atopan nestes conxunto en orde descendente da corrente.

 

Situación: logo de pasar o primeiro muíño, xa completamente restaurado, uns cincuenta metros máis abaixo atopamos estas segunda construción. Rodeado de salgueiros e amieiros, á beira do río, érguese na súa marxe dereita.

Tipoloxía: o primeiro elemento que chama a nosa atención para a súa clasificación é o gran cubo que dá paso á auga da canle da levada cara ao interior do inferno onde se atopan as pas do rodicio.

O cubo é de forma cadrada, con entrada bastante ampla e en forma cónica na parte máis baixa, onde está a “billa” do cubo.

Levada: a levada pode observarse dende a saída do Muíño do Bento a través do prado. Nunha parte do treito aínda pode apreciarse un pequeno pontillón sobre ela para atravesala, o que fai aínda máis atractivo o percorrido ata o noso achegamento ao muíño.

Nos derradeiros metros, no encontro co muíño, esta levada sobresae do terreo mediante unha sólida construción de cachotaría. Esta parte tivo unha adecuada intervención para evitar o seu pronunciado deterioro, xa que conserva a estrutura na súa totalidade, reforzada exteriormente por un bo muro de cachotes.

Edificación: o muíño ten forma rectangular, con muros combinados de cachotaría e perpiaño.

Presenta unha soa porta de xambas de gran dimensión cara ao interior abarcando a profundidade do muro, con rebaixes para o encaixamento de distintas partes da porta. Sobre as xambas van dispostos dous perpiaños, encol dos que vai apoiado o lintel que cobre todo o van.

Noutra das paredes, sobre o inferno, vai un pequeno fachinelo vertical que leva a súa luz ao lugar en que está a mó e a zona do tremiñado. Podemos apreciar que este fachinelo está situado no lugar máis inaccesíbel do muíño.

A carón do cubo hai dous pousadoiros de forma redondeada encastado no muro a carón dun dos cantos da parede.

O teitume é a unha auga, cara ao río. Está completamente restaurado, e conserva as lousas que van en derredor da parte superior das paredes.

Interior: presenta unha mó, con todas as súas pedras, cun anaco do pau do eixo no ollal.

As paredes foron totalmente restauradas e consolidadas, ben encintadas e limpadas.

Estado de conservación

O estado actual indícanos que comeza a haber intervencións enfocadas cara á recuperación e posta en valor destas construcións etnográficas que sobrancean nas beiras dos nosos ríos; cando menos co intento de evidenciar a súa existencia e características principais.

A súa conservación no estado actual implicou unha intervención que pasou pola limpeza da maleza que aínda recobre algunhas partes, coma a canle da auga, e o tratamento do impacto que algunhas das árbores tiñan sobre a conservación das pedras da edificación.

Valoración final

A recuperación do noso patrimonio etnográfico depende de varios factores. O máis importante é a vontade da súa conservación; unha vontade na que estamos todos implicados, dende as administracións ata as entidades locais e a propia veciñanza.

Unha intervención que non resulta tan custosa en comparación co resultado obtido de cara ás persoas que se acheguen a visitar este conxunto etnográfico muíños situados nunha paraxe de singular beleza paisaxística sobre o encoro de Zamáns.

Na galería fotográfica que se acompaña pódese ver o antes e o despois da restauración desta peza senlleira da nosa cultura tradicional.

Máis información

Podedes acceder á galería fotográfica deste muíño.

Asociación Veciñal de Zamáns, Muíños de Zamáns

Navegadores GPS

Para chegar ata este muíño, podedes descargar a súa situación no voso navegador GPS.

Tamén podedes descargar a Ruta de conxuntos etnográficos de muíños de Vigo no voso navegador.

(Se necesitades converter o arquivo .GPX xenérico para o voso navegador concreto, descargade o programaPoiEdit > Menú Herramientas>Conversor de paquetes)

 

[Texto e imaxes publicados con autorización do autor baixo licenza cc by-nc-nd]