22:22 h. domingo, 28 de abril de 2024

MIGUEL ANGEL ESCOTET FOI DESIGNADO PRESIDENTE DA ENTIDADE

Afundación mantén a súa dirección en Vigo

Redacción | @VigoDixital  |  03 de septiembre de 2014 (11:03 h.)
Miguel Angel Escotet, no centro, foi elixido Presidente de Afundación

O padroado acorda manter a dirección efectiva da entidade na nosa cidade nunha reunión na que non participou o Alcalde. Abanca expresou o seu compromiso por manter a actividade social da fundación.


A primeira reunión do padroado de  Afundación semella ter resolto a penúltima lea institucional entre Xunta e Concello de Vigo, logo de que o Goberno autonómico promovese unha modificación dos estatutos da entidade -que absorbeu as fundacións das antigas caixas galegas fusionadas e hoxe bancarizadas en Abanca- que sinalaba que Vigo sería "sede institucional", mais sen precisar as súas funcións.

O acordo aprobado por asentimento unánime recolle expresamente que "consonte coa estrutura xeográfica da Obra Social e de organización e estrutura de esta e en liña co recollido nos estatutos, ratifícase que a sede institucional, fixada en Vigo, implica o mantemento da sede da xerencia, que é a dirección efectiva da fundación". A sede social e fiscal conforme o recollido nos estatutos quedou fixada na cidade da Coruña. O padroado designou a Miguel Ángel Escotet como Presidente.

Padroado incompleto

Para o  BNG a renuncia a que Vigo teña voz e voto no padroado "é absurda"

O máximo órgano de dirección de Afundación quedou onte formalmente constituído por 22 membros dos 28 membros que en realidade deberían conformalo. Na relación de integrantes da xuntanza realizada onte en Vigo, non se inclúen 3 dos 9 membros que pode designar a dirección da Abanca, nin os representantes da deputación da Coruña e dos concellos de Pontevedra e Vigo.

O Alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciara a súa decisión de non integrar o padroado en protesto co que consideraba unha "nova agresión" a Vigo, en alusión a que a cidade fose referenciada como "sede institucional". Caballero non participou da reunión de onte, a pesar de que Vigo pola súa poboación é o concello con máis peso no sistema de voto ponderado que se asignou aos representantes municipais das sete urbes galegas.

Críticas do BNG á ausencia de Caballero

A ausencia do primeiro edil recibía onte as críticas da voceira do grupo municipal do BNG. Iolanda Veloso afirmaba que a renuncia a que Vigo teña voz e voto no padroado de Afundación "é absurda". 

Veloso denunciou que o Alcalde "renunciou hai tempo a obra social [das caixas], mentres ao PP tampouco lle preocupa". "O BNG leva tempo exixindo que tome posición na defensa dese patrimonio" asegurou a voceira nacionalista, lembrando a moción presentada polo seu grupo no pleno ordinario do mes de maio e que malia resultar aprobada por unanimidade "o Alcalde non fixo absolutamente nada".

Folla de rota

"Queremos ser unha fundación ao servizo da sociedade galega dentro e fóra de Galiza" dixo Miguel Angel Escotet

Afundación definía onte os principais eixos que guiarán a súa actividade. Entre eles figuran o impulso á área educativa, o traballo integral cos maiores, o emprendemento e o fomento do emprego para os novos é o deporte e a vida saudable para os máis pequenos. 

"Queremos ser unha fundación ao servizo da sociedade galega dentro e fóra de Galiza" asegurou o seu recén elixido Presidente, Miguel Angel Escotet. Afundación priorizará os seus programas propios fronte ao financiamento de proxectos externos á entidade e aposta por "calidade fronte cantidade". Non se producirá tampouco ningún cambio de localización da actual rede de centros cos que conta a entidade.

A respecto do financiamento da actividade social da fundación, no comunicado remitido tras a xuntanza do padroado asegúrase que "Abanca asume oficialmente o reto de dar continuidade á actividade desenvolvida por Afundación", que se manterá "en niveis similares aos actuais".