00:15 h. lunes, 29 de abril de 2024

O ALCALDE MANTENSE EN SILENCIO

O BNG reclámalle a Caballero que dea resposta ás acusacións de enchufismo

Redacción | @VigoDixital  |  02 de septiembre de 2014 (20:40 h.)
Carlos Príncipe acusou á contorna de Carmela Silva de se beneficiar de "enchufes" [Imaxe:Vigo.org]

A voceira municipal do BNG, Iolanda Veloso, pediu ao Alcalde que diga publicamente se a acusación de contratacións irregulares é falsa e instou a quen teña probas a que denuncie para que se investigue.

A polémica desatada polas denuncias de varias decenas de casos de “enchufismo” de persoas achegadas a altos cargos do PSOE local en diferentes empresas concesionarias, mantense viva no inicio do curso político. 

Semanas despois de Carlos Príncipe reiterase as acusacións que xa realizara meses atrás, pero sinalando expresamente á contorna da primeira Tenente de alcalde, Carmela Silva, de se beneficiar de contratacións presuntamente irregulares en empresas relacionadas coa administración municipal, e cando a denominada plataforma ‘Xuntos’ deu traslado desa denuncia pública á fiscalía, o BNG volveu cualificar de “moi grave” o silencio do Alcalde a este respecto.

Abel Caballero limitouse até o momento a se negar a facer ningún tipo de declaración 

Abel Caballero limitouse até o momento a se negar a facer ningún tipo de declaración e unicamente optou por se remitir a un comunicado asinado polo secretario local do PSOE, Manel Gallego, no que se descualificaba a Carlos García Armada, portavoz de 'Xuntos', acusándoo de “calunmiador”. Gallego fixo referencia a que García Armada xa foi en 2008 promotor dunha denuncia por prevaricación contra o Concello en relación ao PXOM que non prosperou. 

Iolanda Veloso afirmou que o Bloque responde polas áreas nas que foron Goberno 

Na rolda de prensa coa que o grupo municipal nacionalista iniciaba curso após o período estival, a súa voceira, xulgou moi grave a falla de resposta e de explicacións por parte do primeiro edil da cidade. Iolanda Veloso instou a Caballero a “que diga claramente se son falsas [as acusacións] ou que poña unha denuncia por difamación”.  

Asemade expresou que a posición do seu grupo é “que se investigue calquera irregularidade na administración”. Logo de afirmar que o Bloque responde das áreas nas que asumiu responsabilidades de Goberno, instou a que toda persoa que “teña probas de irregularidades o denuncie” para que se investigue. Desta maneira a voceira nacionalista respondía o reclamo de García Armada de que a pescuda da fiscalía, que non consta que teña iniciado ningún tipo de investigación ao respecto, se ampliase tamén ao BNG polo feito de ter sido parte do Goberno municipal co PSOE de 2007 a 2011. 

Oposición

Na rolda de prensa a voceira do BNG debullou tamén con que prioridades enfrontan o inicio de curso político a nivel municipal. A demanda dun maior compromiso do Goberno municipal en materia de emprego, servizos sociais e o reclamo de máxima transparencia na xestión serán os tres principais eixos do grupo nacionalista.

Veloso tamén chamou a que o Concello faga fronte tamén aos recortes impostos desde a Xunta, facendo da atención aos problemas sociais a prioridade “fronte a outras cuestións”. “O BNG seguirá facendo oposición e esixindo que o goberno solucione os problemas da cidadanía dando contas con absoluta transparencia” resumiu.