01:58 h. domingo, 28 de abril de 2024

O GOBERNO MUNICIPAL OUTORGARÁ NOVAS SUBVENCIÓNS POR 3,5 MILLÓNS DE EUROS

Subvencionar aeroliñas non evita que Peinador perda viaxeiros e destinos

Redacción | @VigoDixital  |  02 de septiembre de 2014 (16:52 h.)
peinadorvolotea

Após o Concello destinar 726.000€ a Volotea, Peinador deixará de ofrecer en setembro as rotas a Palma de Mallorca, Gran Canaria, Ibiza e Tenerife. 

 

O debate sobre as axudas públicas ás aeroliñas volve a escea. Tras seis anos de caídas no tráfico aéreo de Peinador, que o alcalde Abel Caballero achacaba á “competencia desleal” das terminais de Lavacolla, subvencionada pola Xunta, e de Alvedro, con axudas do goberno popular da cidade coruñesa, o Concello de Vigo decidía intervir subvencionando novas liñas.

Este verán, as axudas públicas para a compañía Volotea, que ascenden a 726.000 para os vindeiros tres anos, maquillaron as cifras do aeroporto vigués. Pero coa chegada de setembro, as catro principais rutas turísticas serán fechadas (Palma de Mallorca, Gran Canaria, Ibiza e Tenerife) deixando a Peinador con catro destinos até marzo do próximo ano: Bilbao, Madrid, Barcelona e París. As estimacións prevén que o número quede por baixo dos case 700.000 que rexistrou a terminal viguesa o ano pasado.

Rematada a subvención a Volotea o aeroporto de Peinador perderá catro rotas e ficará só con voos a Bilbao, Madrid, Barcelona e París até marzo

A competencia continúa ademais gañando terreo a Peinador, especialmente Sá Carneiro. A terminal lusa fíxose no que vai de ano con máis de 100.000 viaxeiros nas rutas a destinos no Estado español que comparte con Vigo. Os prezos máis baixos e a maior frecuencia de voos, grazas as aeroliñas ‘lowcost’, segue a arrastrar a moitos e moitas viguesas. Tamén na única rota internacional, París,  onde o aeroporto portugués oferta nove viaxes diarias ao único de Vigo. A terminal viguesa é a única de todo o noroeste peninsular que perde voos turísticos. A oferta en Peinador este agosto foi de 43 destinos turísticos semanais, mentres en  Lavacolla sumaba até 164. 

A falta de resultados, máis subvencións

A resposta do Goberno municipal ante estas previsións é aumentar as subvencións públicas ás aeroliñas, malia que a experiencia de Volotea confirma que o seu efecto é conxuntural e que non garante a continuidade das rotas cando as compañías deixen de ingresar as subvencións. A próxima semana péchase o prazo para novas axudas para a apertura de novas rutas en Peinador, por valor de 3,5 millóns até 2018. 

Con esta decisión, a petición do propio Abel Caballero de “axudas cero” fica abandonada. O futuro do sistema aeroportuario galego parece hipotecado a unha competencia fratricida e brutal entre as terminais galegas por atraer as aeroliñas, con millóns de euros das arcas públicas e sen ánimo de encontrar unha coordinación que permita a supervivencia dos tres aeroportos.