11:27 h. Sábado, 22 de Xullo de 2017

Vigo Dixital

EMERXENCIA SOCIAL

Unha familia de Vigo denuncia ao Concello polo caos dos servizos sociais

Demandan a nulidade de dúas resolucións, onde lle denegan parte das axudas municipais sen motivación. O día 18 de febreiro celébrase outro xuízo pola mesma causa.

Redacción | @VigoDixital  |  28 de Xaneiro de 2015 (19:32 h.)
Máis accións:

O caos dos servizos sociais de Vigo chega aos xulgados. Unha familia denunciou ao Concello por denegarlle dúas axudas sociais en 2014. Aseguran que sufriron  irregularidades na tramitación e que as resolucións non están motivadas, polo que piden a nulidade dos mesmos. Unha situación que, segundo denuncia a ODS-Coia, que asesora á familia, é o día a día para centos de persoas que acuden aos servizos sociais.

No desemprego e sen dereito a prestacións, esta familia con tres fillos menores sufriu un desafiuzamento en 2011. Dende entón, sobreviven grazas á axuda de familiares e da veciñanza. Ante a falta de ingresos, acudiron aos servizos sociais, onde comezou outro calvario particular. Trámites e máis trámites até que en agosto de 2014 conseguiron, tras oito meses de espera, a aprobación dunha Renda de Integración Social (Risga).

Durante a longa espera, e ante a desesperada situación, solicitaron as chamadas axudas de emerxencia municipal. Axudas de centos de euros destinadas a cubrir os gastos de primeira necesidade. Foron beneficiarios de varias, despois de sufrir un corte de luz, pero insuficientes e fóra dos prazos fixados.

Denuncian que ademais de incumprir os procesos administrativos, os servizos sociais aplican “de facto” criterios para denegar as axudas que non existen nas bases.

Non foi así coas dúas últimas solicitudes, que foron denegadas. A primeira era para gastos de suministros, pero o Concello denegoulla porque recibira antes unha axuda para aluguer. A defensa da familia apunta que esta razón non está contemplada nas bases da axuda e que, ademais, os servizos sociais confunden as solicitudes e que os expedientes están sen firmar.

Por esa razón, a familia acudiu de novo xunto á traballadora social, que lle advertiu de que non recibirían ningunha axuda máis para aluguer, posto que o seu piso era moi caro. Recomendoulle que buscara unha vivenda máis barata e a familia decidiu mudarse. Pero na segunda solicitude tamén lle denegaron o 50% da contía da axuda, sen motivación, obligatoria para toda resolución.

Denuncian que ademais de incumprir os procesos administrativos, os servizos sociais aplican “de facto” criterios para denegar as axudas que non existen nas bases. Unha realidade que non é exclusiva desta familia. O xuízo celebraráse este xoves no xulgado do contencioso número 2 de Vigo, mais o próximo día 18 de febreiro, haberá outro polas mesmas causas. A ODS-Coia convocou unha concentración de apoio nas portas do xulgado, ás 10.30 horas.