00:14 h. Lúns, 21 de Agosto de 2017

Vigo Dixital

DESPEXOS

A PAH chama a ‘inundar’ os xulgados contra a Lei hipotecaria

Pide que todas as persoas, afectadas ou non, presenten un escrito rexeitando a actual Lei hipotecaria o próximo 2 de outubro ás 10:30h nos xulgados de Vigo.

Redacción | @VigoDixital  |  30 de Septembro de 2014 (10:29 h.)
Máis accións:

Concentración da PAH diante da Xunta 18/09/14 [Imaxe: F. Riveiro]
Concentración da PAH diante da Xunta 18/09/14 [Imaxe: F. Riveiro]

A PAH de Vigo chama á cidadanía a unha campaña contra a recente modificación da Lei hipotecaria, realizada polo Goberno central tras unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea. Durante o próximo mes, as persoas afectadas por execucións hipotecarias poderán alegar en base a esa resolución xudicial.

"Vulnéranse dereitos humanos ao permitir despexos sen alternativa habitacional e os dereitos do menor e das persoas en situación de dependencia”, denuncia a PAH

Pero a plataforma contras os desafiuzamentos pide que, afectadas directamente ou non, toda a cidadanía presente un escrito de rexeitamento da actual lei hipotecaria o día 2 de outubro ás 10:30h nos xulgados de Vigo. O texto poderá descargarse no blogue da PAH. Nel pídenlle ao xuiz que teña en conta a sentenza europea e as decenas de procesos xudiciais en todo o Estado español a prol das persoas afectadas.

“A actual Lei hipotecaria, como a Lei de enxuiciamento civil, vulneran gravemente o dereito á defensa, non hai igualdade de armas entre o banco e o demandado. Vulnéranse dereitos humanos ao permitir despexos sen alternativa habitacional e vulnéranse os dereitos do menor e das persoas en situación de dependencia”, denuncian dende a plataforma.

Sinalan aos casos recentes na cidade de Vigo, polos que se concentraron a pasada semana fronte á delegación da Xunta. Como o caso de Teresa Portela, que terá que separarse do seu marido, enfermo dende hai catro anos por un ictus, e que a Administración lle invita a ingresalo nunha residencia da terceira idade mentres ela e a súa filla deben buscarse un lugar onde vivir.

Esta acción levaráse a cabo tamén nos xulgados de Tui, o día 30 ás 10.30h, e o venres 3 de outubro nos de Redondela ás 11h.