00:14 h. Lúns, 21 de Agosto de 2017

Vigo Dixital

PRECARIEDADE LABORAL

Citroën quere impor novos despedimentos e rebaixas salariais para manter a produción

A compañía continúa coa súa aposta por converter a planta de Vigo nunha factoría ‘low cost’ precarizando as condicións laborais.

Redacción | @VigoDixital  |  18 de Outubro de 2014 (09:17 h.)
Máis accións:

Concentración pola represión laboral en Citroën [Imaxe: CIG]
Concentración pola represión laboral en Citroën [Imaxe: CIG]

A dirección da factoría de PSA Peugeot-Citroën prepara unha nova rolda de despedimentos e rebaixas salariais. Baixo o lema de “ser máis competitivos”, o director da planta viguesa, Yann Martin, e o presidente de PSA, Carlos Tavares, confirmaron a continuidade da súa aposta: converter a fábrica de Balaídos nunha factoría ‘low cost’.

Estas medidas, habituais nos últimos anos, intensificaranse os vindeiros dous meses, prazo fixado para competir polo novo modelo de furgoneta da compañía francesa, o K-9, que sustituiría á produción dos modelos Partner e Berlingo, fundamentais para a planta viguesa, en números vermellos.

Para adxudicar esta furgoneta de baixo custo, a empresa gala pide equipar os gastos de persoal co das súas fábricas en Portugal e Eslovaquia. A dirección argumenta que o gasto de Vigo dobra o dos seus principais competidores pola furgoneta --mais non sinala a diferenza en produtividade-- e que a única saída son por tanto os recortes, malia encontrarse na media europea.

As exixencias de PSA tamén afectarán aos traballadores e traballadoras das empresas auxiliares, que terán que aplicar os mesmos ‘sacrificios’ que na factoría de Balaídos se queren conservar a carga de traballo. Recortes salariais que irán acompañados de novas medidas de ‘flexibilidade laboral’, como ocorreu en anteriores negociacións. O que suporá alargar a precariedade das condicións de traballo nun sector xa moi precarizado, como é a automoción.

A compañía gala presentará estas propostas a unha comisión negociadora formada polos sindicatos, prevista para a próxima semana, logo de que o Sindicato Independente, próximo á dirección, revalidara a maioría absoluta entre os 6.400 traballadores e traballadoras da planta viguesa.