11:31 h. Sábado, 22 de Xullo de 2017

Vigo Dixital

CONFLITO VECIÑAL

Coia resiste na rotonda malia a forte presenza policial enviada por Caballero

A veciñanza conseguiu paralizar de novo os traballos de instalación do Bernardo Alfageme, que comezaron escoltados por un forte dispositivo policial. [Vídeo no interior]

Redacción | @VigoDixital  |  15 de Decembro de 2014 (14:45 h.)
Máis accións:

A veciñanza ocupa de novo a rotonda de Coia
A veciñanza ocupa de novo a rotonda de Coia

Coia resistiu unha nova ofensiva do alcalde Abel Caballero. Esta segunda feira arrancou con sorpresa no barrio vigués, onde decenas de axentes da Policía local se despregaban a primeira hora da mañá nun forte dispositivo destinado a escoltar a entrada da maquinaria na rotonda da Avenida de Castelao. Os traballos, destinados á instalación do Bernardo Alfageme, arrancaron baixo protección oficial mais a presenza dun grupos de veciños e veciñas conseguiu romper o cerco e instalarse na rotonda paralizándoas. 

Poucos minutos despois, os operarios abandonaban o lugar. Cara ás 12h, os axentes retiránronse de forma progresiva e ao mediodía xa non había presenza policial, segundo confirman testemuñas. A tranquilidade volveu á rotonda pese aos momentos de tensión que se viviron.

Denuncian que malia que a Policía non actuou, polo menos dúas persoas foron empurradas e resultaron feridas leves por axentes cando tentaban cortar o tráfico da Avenida de Castelao, que estivo varias horas paralizado polos manifestantes. Un dos axentes caeu na persecución dun dos agredidos, contan dende Coia, e feriuse nunha perna. 

Caballero insiste: "non imos retroceder"

Ás 19h está prevista unha nova asamblea veciñal para decidir os seguintes pasos a dar, ante a evidencia de que o alcalde non pensa ceder. Caballero enviou a boa parte da Policía local, nunha mostra máis de autoridade. O rexedor volveu xustificar a instalación do Bernardo Alfageme, desta volta porque na Coruña e Baiona tamén teñen un barco nunha rotonda.

"Son 60 ou 80 personas as que non queren o barco na rotonda, fronte aos 300 mil habitantes de Vigo. Se cren que imos retroceder por accións coma a desta mañá, están equivocados", manifestou o alcalde en rolda de prensa, segundo recolle o Faro de Vigo.

A veciñananza prepara ademais o escrito que presentarán fronte a Fiscalía, ante a acumulación de sospeitas de irregularidades da obra. Entre elas, a falta de expediente público e a boa relación da empresa constructora, Civis Global, coa administración local, que lle adxudicou este ano obras por valor superior aos 35 millóns de euros.