08:53 h. viernes, 26 de abril de 2024

CONFLITO DA ROTONDA

A veciñanza de Coia saca músculo ante as descalificacións de Caballero

Redacción | @VigoDixital  |  12 de diciembre de 2014 (22:19 h.)
Manifestación contra a instalación do Bernardo Alfageme en Coia

Un milleiro de persoas participaron na manifestación convocada pola asamblea veciñal contra a instalación do Bernardo Alfageme, tras máis dunha semana de resistencia na rotonda de Castelao.

“Para que logo diga Caballero que somos catro”. A veciñanza de Coia demostrou que conta cun amplo apoio na súa loita por evitar que o Bernardo Alfageme se instale na rotonda de Castelao. Un milleiro de persoas, segundo cifras dos organizadores, participaron este venres nunha manifestación contra a polémica obra.

Coia ameaza con convertirse nunha pedra no zapato para as aspiracións electorais do alcalde Abel Caballero, que optou por minimizar e descalificar as protestas. As súas declaracións, chegando a afirmar incluso que pasaría por riba de quen se opoña, tiveron o efecto contrario e encenderon máis á veciñanza.

As declaracións do alcalde, chegando a afirmar incluso que pasaría por riba de quen se opoña, encenderon máis á veciñanza.

Aseguran que non pensan ceder tras unha semana onde conseguiron paralizar os traballos, que apenas tiveron avances. Advirten de que o seguinte paso serán as accións legais, coa preparación dun informe para a Fiscalía, ante as sospeitas de irregularidades na contratación, que carece de expediente público.

A resistencia continúa o luns

Permaneceremos até que manifesten que o barco ficará no mar, ou á súa beira, e os cartos irán destinados a cubrir as necesidades da xente. Son momentos nos que o desemprego, os recortes, a insuficiencia das axudas sociais... están a deixar a moitas persoas sen uns mínimos para vivir con dignidade. Sen consultar a ninguén, e saltándose un acordo do pleno, pensaban tirar os cartos nunha obra de sospeitosa legalidade”, pode lerse no manifesto.

A protesta contou co apoio de numerosos colectivos sociais e organizacións políticas. Entre elas participaron representantes  do BNG, Anova, EU, CIG, Podemos, Partido Pirata ou Os Verdes. A marcha partiu da Praza de América e recorreu a Avenida de Castelao até a rotonda en cuestión. A asamblea veciñal recordou que o luns volverán a primeira hora da mañá para evitar que comecen os traballos e que haberá asamblea aberta as 19h.